O xurado reuniuse esta tarde no Concello e considerou que a entidade cultural e social destaca polo seu compromiso coa difusión da identidade mariñeira e do patrimonio material e inmaterial asociado á mesma
Un firme compromiso coa nosa identidade mariñeira, unha recuperación paulatina e valiosa do seu patrimonio material e inmaterial, a difusión continúa dos valores asociados ás xentes do mar e unha enorme capacidade de dinamización e conexión coas novas xeracións.
Eses son, entre outros moitos, os méritos que sosteñen que o Premio Liberación de Marín vaia recaer este ano na Asociación Museo do Mar de Marín, unha entidade cultural e social que desde a súa creación vén desenvolvendo un intenso traballo orientado a preservar a historia marítima da vila, impulsando iniciativas que permiten rescatar testemuñas, documentos e obxectos vinculados ao mar.
O xurado fallou dar o premio tras a reunión mantida esta tarde no Concello. Estivo composto pola alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín; o representante do PSdG, Manuel Pazos; o impulsor do Día da Liberación a través da antiga asociación ADEMAR, Manuel Torres Viqueira; e o xornalista e cronista local, Julio Santos Pena.
Visitas guiadas de coles, exposicións, conferencias, homenaxes e o Festival de Cine do Mar
A actividade anual da asociación é intensa. Ao longo de todo o ano, realizan actividades e impulsan iniciativas de todo tipo coas que divulgar o patrimonio material e inmaterial unido ao mar, elemento que configura a identidade da nosa vila.
Ademais de recuperar pezas marítimas de gran relevancia e custodiar as que xa teñen no Museo, ubicado na Rúa Concepción Arenal, 2, a Asociación organiza anualmente unha homenaxe ás mulleres e homes do mar na antiga dársena de chalanas do Porto e están inmersos na organización do III Festival Cine do Mar, unha aposta polo audiovisual co mar como telón de fondo, que ademais de chegar tamén ao público escolar, combina actividades paralelas como un showcooking conn produtos do mar ou a Xuntanza Mariñeira, con exhibición de embarcacións tradicionais, ou a visita a puntos de interese como a Illa de Ons, a de Tambo ou San Simón.
Por todo iso, o xurado considera que está “sobradamente xustificado que unha asociación tan activa como a do Museo do Mar sexa recoñecida a través dun premio que precisamente busca por en valor a aqueles que realizan un traballo esencial a nivel cultural, educativo, científico e investigador, incrementando o patrimonio cultural do municipio”.
Conmemoración do Día da Liberación e acto de entrega do premio
Está previsto que os actos de conmemoración do Día da Liberación, que se celebra o 4 de abril para lembrar a fazaña de Juan Gago de Mendoza e as Alarmas do Morrazo reconquistando as nosas costas das tropas invasoras francesas, se celebren pasada a Semana Santa, xa que a propia efeméride
coincide co Sábado Santo.
Farase a tradicional ofrenda floral diante do monolito ubicado en Serafín Tubío e despois procederase ao acto de entrega do Premio no salón de actos do Museo Municipal Manuel Torres.

