Mentres Marín, Moaña e Redondela logran fondos para os seus desempregados, Cangas volve ser a excepción negativa ao perder unha subvención clave para a inserción laboral
O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe un novo e gravísimo episodio de parálise administrativa por parte do Goberno local formado polo BNG, o PSOE e Esquerda Unida. Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución e ampliación de crédito das últimas axudas para programas de emprego, Cangas quedou fóra da listaxe de beneficiarios, unha situación que “amosa unha vez máis, un suma e segue neste mandato, a incapacidade de xestión e de traballo dos actuais responsables municipais” .
Desde o grupo maioritario da Corporación sinalan que Cangas se converteu na «illa da inoperancia» na comarca e na contorna. «É incomprensible que concellos veciños de todos os signos políticos, como Marín (PP), Moaña (BNG) ou Redondela (PSOE), cumpriran cos seus deberes e obtiveran estes fondos, mentres Cangas volve ser a excepción para mal», lamentan desde a formación. Esta perda ten o agravante de “impedir a persoas en situación de desemprego o beneficiarse de iniciativas que redunden na súa empregabilidade. Esta é a sensibilidade social do BNG” critican.
Buraco de máis dun 1M€
A falta de traballo do BNG e os seus socios non é un feito illado, senón unha constante que, segundo os cálculos do grupo municipal, xa lle custou a Cangas máis dun millón de euros en subvencións perdidas no que vai de mandato. Os populares denuncian que esta é unha estratexia deliberada para trasladar a falsa imaxe de que a Xunta non inviste no municipio, cando a realidade é que o Goberno local bloquea as axudas ao non presentalas ou xestionalas de forma deficiente.
Entre a extensa listaxe de oportunidades perdidas pola «nula xestión» do BNG destacan exemplos «sangrantes». Así, o municipio deixou pasar fondos vitais para o mercado de traballo como os Programas de Emprego Xuvenil, a contratación de persoal técnico de orientación laboral, axudas para o Voluntariado sénior ou para a contratación de persoas preceptoras da Risga.
Esta parálise tamén afecta a servizos básicos e ao medio ambiente, ao perderse axudas para auditar a rede de saneamento —orixe das verteduras de augas fecais no noso litoral—, para minimizar as perdas de auga ou para o embelecemento da costa. Do mesmo xeito, quedaron no camiño investimentos en eficiencia enerxética, mellora de equipamentos culturais, actuacións en materia de arquivo e axudas para a conservación do patrimonio na Rede Natura 2000. «Non é que a Xunta non invista en Cangas; é que o Goberno local lle pecha a porta aos fondos públicos pola súa incapacidade para redactar un proxecto ou presentar un papel a tempo», denuncian os populares. «Esta parálise institucional é un castigo directo á veciñanza, que ven como se perden servizos, infraestruturas e oportunidades laborais pola falta de ganas de traballar dun goberno esgotado e sen rumbo que prefire a confrontación á defensa dos intereses do pobo de Cangas».

