Baile do Entroido de Cobres.

A festa péchase con máis de 3.000 asistentes, 90 madamas e galáns, 27 músicos e 60 km percorridos nunha edición sen precedentes

O Entroido de Cobres 2026 pecha unha edición que quedará gravada na memoria colectiva como unha das máis emocionantes, épicas e valentes da súa historia recente. A chuvia, presente de maneira case ininterrompida, non conseguiu apagar o espírito dunha comunidade que se negou a renunciar á súa festa máis querida.

A Asociación Cultural Cobres traballou sen descanso para improvisar solucións, adaptar espazos e garantir que cada acto do programa se celebrase con dignidade, seguridade e, sobre todo, coa emoción que define este entroido único.

E lonxe de descansar, a maquinaria cultural de Cobres continúa en marcha e hoxe participa no entroido en Piasca, levando o espírito, a elegancia e a forza das madamas e galáns a novos escenarios, mentras se prepara para estar en Sar a vindeira fin de semana. A resposta da xente foi extraordinaria. Só na xornada do martes 17, a carpa de Cobres reuniu preto de 3.000 persoas, converténdose nun refuxio de música, baile e tradición.

O desfile contou con 90 madamas e galáns, auténticos emblemas da identidade local, acompañados por 27 músicos que puxeron banda sonora a catro días de celebración ininterrompida. Entre bailes, visitas a fogares e percorridos polas parroquias, acumuláronse 40 horas de actividade e máis de 60 quilómetros percorridos, unha mostra de resistencia, ilusión e compromiso coa tradición.

O interese pola festa tamén se deixou notar no merchandising oficial, con máis de cen artigos vendidos, principalmente sudadeiras, camisetas e tazas que xa viaxan como recordo desta edición histórica.

O Entroido de Cobres 2026 consolidouse como un dos eventos culturais con maior repercusión nas redes sociais de toda Galicia. Ao longo das cinco semanas da campaña dixital, as canles oficiais do evento acadaron xuntas máis de 1,2 millóns de visualizacións, cun crecemento de seguidores que superou o 65% en Facebook e o 18% en Instagram. O vídeo máis viral, publicado durante a xornada do martes de Entroido foi o de Desirée como gañadora do Galo no Río, superou as 256.000 reproducións, convertendo a parroquia de Cobres, no concello de Vilaboa, no epicentro das redes sociais durante o Entroido galego deste ano.

A páxina web oficial rexistrou ademais máis de 11.000 visitas únicas, con tráfico procedente de toda España e países como Portugal, Estados Unidos, Irlanda ou Alemaña, reflexo da crecente proxección internacional desta festa de recoñecido valor patrimonial e etnográfico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *