Madamas e galáns encaran catro días de festa tras semanas de promoción en centros educativos e sociais de Vilaboa e de toda a provincia
Vilaboa prepárase para vivir desde mañá sábado catro días intensos de celebración co inicio do Entroido de Cobres, unha das citas máis singulares e recoñecidas do entroido galego. Manterase íntegro o calendario de actuacións, malia que o tempo poida condicionar puntualmente os tradicionais bailes polos barrios a carpa instalada en Riomaior dará cabida á festa, coas danzas de madamas de galáns e coas verbenas nocturnas.
O programa dará comezo mañán sábado co percorrido matinal das Madamas e Galáns, seguido da chegada á carpa e da primeira gran festa nocturna, que abrirá oficialmente unha fin de semana marcada pola música, o baile e a tradición. A gran festa de apertura contará cunha verbena amenizada pola Orquesta Kubo e o trío Tic Tac.

Durante esta semana previa ao inicio oficial, Madamas e Galáns atenderon numerosas peticións de centros escolares e sociais, tanto de Vilaboa como doutros concellos da provincia. Desprazáronse ataviados cos seus traxes tradicionais para achegar esta tradición centenaria á cidadanía, espertando curiosidade e fomentando a participación en vivo nun dos entroidos máis emblemáticos de Galicia.
Un dos momentos máis emotivos tivo lugar este xoves no Centro Social e de Maiores de Vilaboa (CESMAV), onde tres madamas e un galán compartiron a tarde coas persoas usuarias do centro. A visita evocou lembranzas e emocións entre os asistentes, que reviviron historias ligadas ao Entroido de Cobres.
Entre elas destacou María Lino, que acompaña por Ariana Gondar, Alexandra Corredoira e Jacobo Lusquiños, relatou a súa volta ao entroido despois de 28 anos sen bailar. Faino acompañada do seu home e dunha irmá que tamén recupera a tradición tras 13 anos afastada. María amosou con orgullo un sombreiro con máis de 50 anos de historia, elaborado pola súa bisavoa para a súa avoa, unha peza familiar que simboliza a transmisión xeracional deste patrimonio inmaterial.
Na visita ao CESMAV, Madamas e Galáns foron recibidos pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, e polo alcalde, César Poza, e quen destacou a esperanza de que a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional chegue proximamente. Ambos subliñaron que este recoñecemento suporía un paso máis na protección e valorización dunha tradición sostida grazas á implicación e ao cariño da veciñanza, especialmente da parroquia de Cobres.
O Entroido de Cobres inicia así unha nova edición mantendo viva a súa esencia e reafirmando o seu papel como un dos grandes referentes culturais do país

