O programa inclúe a saída do Entroido e as máscaras dende Pereiró ata Curro, mudados e mudadas e unha fiada co grupo Arredor da Tradición
O Concello de Bueu segue a traballar pola recuperación do Entroido na Illa de Ons e por iso este ano volverán organizarse actos festivos o vindeiro 8 de febreiro. A xornada arrancará ás 11.30 horas coa saída do Entroido e das máscaras dende Pereiró ata Curro.
Despois, ás 15 horas sairán os mudados e rematarase cunha fiada co grupo Arredor da Tradición e xogos tradicionais desta época, como a pita cega, a chave ou a carreira de cos. Ademais, haberá barco para as persoas que desexen asistir con saída dende o peirao de Bueu ás 10.30 e regreso ás 17.00 horas.
Os actos, que contan coa colaboración da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, Parque das Illas Atlánticas e da navieira Nabia. A xornada festiva baséase no traballo de recompilación do Entroido de Ons de José Manuel Dopazo, mestre e investigador, experto na fala da illa de Ons e noutros costumes e tradicións dese lugar.
El estudou e analizou algúns conceptos que se pretenden seguir a reivindicar e que xa comezaron o pasado ano. Así, por exemplo, na Illa de Ons a figura do Entroido supón a humanización da festividade e caracterízase coma un boneco de palla vestido con roupa vella que se paseaba enriba dunha ovella por todas as casas da illa para anunciar a chegada dun novo Entroido. Adoita ir acompañado das máscaras, que tamén se visten con roupa vella e tapan a cara cun pano branco, para pedir polas casas doces de Entroido e avisar da chegada desta festividade facendo ruído con potas vellas. E os mudados e mudadas son a figura do caos, visten de branco e tapan a cara cunha careta feita de calacú seco e pintada de vermello, aterrorizando polo aspecto e porque varea á xente. Sae pola tarde e dedícase a roubar cocido ou outras comidas nas casas.
Historia do Entroido de Ons
O Entroido da Illa de Ons desenvólvese desde que este territorio se poboou a mediados do século XIX ata 1975, cando a migración dos seus habitantes impediu que se volvese celebrar.
En 2025 conseguiuse recuperar grazas aos testemuños dalgunhas persoas que o viviron ao longo do século XX: Manolo Pescadilla, Son, Aurita de Miro, Lola de Bighotes, José o Carabicho, María do Caño, María de Barbeiro… Este Entroido estendíase desde o Dominko Ghordo, pasando polo Dominko de Entroido, o Martes de Entroido e o Dominko de Piñata. Este ano 2026 celébrase no Dominko Ghordo todo o que noutrora se desenvolvía neses catro días. As figuras recuperadas desta festividade son as máscaras, os mudados e o entroido.
