Un dos stands do Mercadiño de Figueirido.

O Concello convida a toda a contorna a achegarse aos stands e agasallar este Nadal con artigos que transmitan talento, creatividade e calidade

Regalar un sabor de Galicia ou unha xoia feita a man que evoca a delicadeza da camelia convértese este Nadal nunha opción diferenciadora, con personalidade e arraigada na identidade local. Xunto a estas propostas, o Mercadiño ofrece tamén opcións para a ambientación do fogar, artigos útiles para o día a día, pequenas prendas de vestir e mesmo propostas literarias, configurando un abano de posibilidades que permiten atopar o detalle perfecto para cada persoa. En todos os casos, trátase de agasallos que regalan talento e creatividade, apoiando a uns artesáns que basean na calidade, o coidado polo detalle e a diferenciación a súa loita diaria fronte ao produto estandarizado e ás importacións sen valor de elaboración.

A carpa instalada en Figueirido acolle desde o venres o V Mercadiño de Nadal, unha cita xa consolidada no calendario de Nadal de Vilaboa que reúne público arredor dos seus postos artesáns e do tradicional chocolate quente que serve a Asociación de Veciños. A iniciativa, organizada polo Concello de Vilaboa, busca dar visibilidade ao traballo creativo e artesanal de emprendedores e emprendedoras do municipio, así como promover a compra de agasallos de proximidade.

Nesta edición participan 11 propostas locais, distribuídas nas seis casetas de madeira instaladas polo Concello e agrupadas por tipoloxías para facilitar a visita e a elección de produtos.

Entre os expositores destacan ERRE3 – Laura Filgueira, que ofrece produtos gravados en madeira, caixas personalizadas, chaveiros, decoración e artigos de segunda man; e Obradoiro Hedras – Pilar Blanco, especializada en xoiería artesanal elaborada peza a peza, con pendentes, colares, aneis e pulseiras únicas.

A oferta gastronómica chega da man de Alcrique, que pon á venda produtos galegos gourmet e artesáns como marmeladas, queixos, patés, mel, licores e lotes especiais para agasallo. Na mesma caseta participan tamén Teresa Míguez, con xoias, chaveiros personalizados e figuras impresas en 3D, e Uxía Pintos, que achega obxectos decorativos de xeso, adornos de Nadal e velas artesanais aromáticas.

Por primeira vez incorpórase ao Mercadiño Celia Amoedo Rodríguez, que comparte espazo con ERRE3 e presenta decoración de Nadal feita á man, incluíndo coroas, centros e pequenos detalles para o fogar. Completan a oferta Alba Expósito, Guadalupe López e Natalia González, con artesanía variada: pezas de ganchillo, bonecos, decoración navideña, manualidades e detalles personalizados.

A Asociación de Veciños de Figueirido mantén ademais un posto propio no que se serve chocolate quente, un dos atractivos máis concorridos destas datas.

Unha das casetas está destinada á recadación para a excursión de fin de curso do alumnado dos colexios de Toural e Riomaior, que ofrecen artigos elaborados polas familias e polo propio alumnado.

O Mercadiño permanecerá aberto ata o 6 de xaneiro, en horario de tarde ata as 21.00 horas entre semana e con ampliación de horario nas xornadas de maior afluencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *