Vilaboa denuncia abandono institucional tras anos de comunicacións sen resposta e presenta un novo informe técnico que evidencia graves riscos para a seguridade
O Concello de Vilaboa formalizou unha nova solicitude ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible esixindo a corrección inmediata das graves deficiencias detectadas na construción do trramo da autoestrada A-57 Vilaboa – A Ermida», que atravesa parcialmente o municipio. O escrito, co que o alcalde de Vilaboa planta cara á administración central, enviouse á Demarcación de Carreteras en Galicia, á Subdelegación do Goberno e á Dirección General de Carreteras.
Segundo manifesta César Poza o Concello leva desde maio de 2022 enviando comunicacións oficiais ao Ministerio solicitando a subsanación de diversos problemas na execución das obras, sen obter respostas satisfactorias por parte da administración central. As comunicacións referidas remitíronse con data 13 de maio de 2022, 21 de marzo do 2023, o 5 de decembro do 2023, o 14 de febreiro de 2024, o 8 de agosto do 2024 e o 5 de febreiro de 2025.
O último informe elaborado por técnicos municipais documenta múltiples deficiencias que comprometen gravemente a seguridade vial nas vías de servizo e acceso a establecementos comerciais da zona. Entre os problemas identificados destacan deficiencias na sinalización horizontal e vertical; carencias estruturais en barreiras de seguridade; inadecuada execución do pavimento; falta de continuidade en elementos de protección ou as inseguras condicións no acceso a zonas comerciais, entre outras moitas.
Os técnicos municipais indican que o estado actual das obras non reúne as condicións necesarias para garantir a seguridade viaria, o que sitúa ao Ministerio como responsable de calquera incidencia que poida ocorrer nestas estradas. “O obxectivo deste goberno local é velar pola seguridade e a protección tanto das persoas usuarias das vías de servizo como das que acceden aos establecementos comerciais próximos”, indicou
César Poza incidindo en que o Concello destinou recursos propios na elaboración dun informe técnico que achegue documentación profesional que respalde as demandas municipais, demostrando o compromiso municipal coa resolución destes problemas de seguridade independentemente da administración á que se teña que dirixir.
Dada a gravidade da situación o Concello require formalmente ao Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible para que proceda de xeito inmediato a dar resposta ás comunicacións municipais enviadas durante os últimos tres anos; a correxir todas as graves deficiencias identificadas no informe técnico e a executar as accións necesarias para garantir a seguridade vial segundo as especificacións técnicas que lle indica o Concello.
Para César Poza resulta inadmisible que unha obra financiada con fondos públicos permaneza nestas condicións deficientes polo que insiste en que manterá o seu tono de esixencia ata conseguir unha resposta satisfactoria que garanta a seguridade de todas as persoas usuarias desta infraestrutura. O Alcalde incluso se sorprende de que unha empresa de prestixio como é Grupo San José se prestase a deixar esta obra nestas condicións, pois non deixa de ser unha mala imaxe para calquera empresa ver o estado no que quedou rematada.