A ONCE elixiu á nosa tradición para ilustrar 5 millóns e medio de cupóns que se venderán por toda a xeografía española. O primeiro premio será de 300.000 euros, máis 5.000 euros mensuais durante 20 anos
Todo o territorio nacional celebrará con nós a Danza de Espadas, a nosa maiortradición do Día de San Migue l, grazas á ONCE. Esta mañá, a alcaldesa de Marín, María Ramallo; a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín; e Celso Méndez e Teresa Rodríguez, do Padroado de Mareantes de San Miguel, acompañaron ao director da ONCE en Vigo, Roberto Gaspar e á promotora comercial, Verónica Millán, na presentación do Cupón que se sorteará o domingo, 28 de setembro, e que está ilustrado coa nosa danza.
Tal e como explicou Gaspar, “é un cupón que se vai vender en todo o territorio nacional, grazas ao traballo de máis 20.800 vendedores e vendedoras. En total, son 5 millóns e medio de cupóns que espallarán por toda España ata o domingo, cando se realizará o sorteo”.
O cupón ten un primeiro premio de 300.000 euros ao contado, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos a un só cupón. E premios de 2.000 euros ao mes durante 10 anos consecutivos a outros catro cupóns.
A alcaldesa quixo “animar a toda a veciñanza a que compre e agasalle o cupón, que dá unha visibilidade espectacular á nosa celebración do San Miguel máis alá das nosas fronteiras e que… quen sabe? Igual ata conseguimos que a sorte quede na vila!”. Ademais, agradeceu á ONCE a súa aposta por centrarse na nosa festa e todo o seu labor solidario e de inclusión social e laboral das persoas con algún tipo de discapacidade visual.
A Danza de Espadas
A Danza de Espadas ten a súa orixe no século XVII e represéntase na localidade o domingo seguinte á celebración do Día de San Miguel, que é o 29 de setembro, e polo tanto, este ano caerá no domingo, 5 de outubro.
Nela, participan homes e mulleres, nenos e nenas; todos con vestimenta branca e con banda á cintura vermella, para homes e nenos, e azul, no caso das mulleres e das nenas.
A danza represéntase durante a procesión, acompañada pola imaxe do Santo, que se detén en catro lugares: a Alameda Rosalía de Castro, a Praza do Reloxo, a entrada da Igrexa de Santa María do Porto e o Parque Eguren.
Os danzantes representan unha coreografíua na que están unidos mediante espadas de madeira vermellas e brancas. Con elas, danzan ao compás das gaitas, rodeando ao santo e pasando baixo a peana que o leva.