Pleno en Bueu.

Os populares lamentan a “voracidade fiscal” do BNG xustificándose na necesidade de ingresos para o Concello e alertan de que o alcalde Félix Juncal “deixou caer que pode haber máis incrementos de impostos, xa que no pleno dixo que estaban comezando con esta suba

O grupo municipal do PP de Bueu criticou no pleno celebrado onte que o goberno bipartito dirixido por Félix Juncal veña de iniciar unha “campaña de asalto aos petos dos veciños” coa suba do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) nun 17% para o ano 2026 –aprobada cos votos de BNG e PSOE– e que terá continuidade coa taxa de recollida de lixo, que medrará case un 100% pola decisión promovida polo Bloque na Mancomunidade do Morrazo, e tamén cunha de nova creación para o uso da piscina municipal.

“Saben que o incremento do imposto de rodaxe é forte porque trataron de agochalo como se non tivesen a conciencia tranquila, saben que o do lixo é algo estratosférico que vai poñer a taxa ao nivel de Vigo e a maiores atopámonos con que os veciños de Bueu tamén van ter que pagar, posiblemente desde o próximo ano, polo uso das piscinas despois de tres anos de gratuidade e co alcalde presumindo de que a nosa xente merecía ter este servizo de balde”, indicou a voceira, Elena Estévez, que ironizou con que “os veciños debéronse portar mal ultimamente co alcalde que agora xa non merecen que a piscina sexa gratis”.

Por elo, os populares lamentaron a “voracidade fiscal que se lle espertou ao BNG” e criticaron que aínda por riba tente xustificalo na necesidade de ingresos para conseguir equilibrar as contas do Concello, “o que confirma que os números deben ser bastante vermellos, co cal a xestión é moi deficiente, e que cando dicimos que hai que aprobar uns orzamentos é por algo, porque van a cegas e logo non lles dan as contas”.

Ademais, o PP buenense tamén alertou de que tras o IVTM, e coa intención confirmada do BNG de subir o lixo e de cobrar pola piscina, poderían producirse máis incrementos de taxas e impostos no que resto de ano de cara a súa entrada en vigor no ano 2027, xa que revelou que ao alcalde escapóuselle no pleno a frase textual de que “estaban comezando con esta suba”. “Non sabemos exactamente o que quería dicir, pero temémonos o peor, así que os veciños xa que poden ir preparando a carteira”, apostillou a concelleira do PP.

Elena Estévez cre ademais que o goberno local é consciente dos “graves prexuízos e do importante malestar” que causan estas fortes subas de impostos nas familias de Bueu, “pero non é porque non queiran pagar ou contribuír, porque somos un pobo solidario, responsable e que defende o ben común, pero estamos nun contexto no que a moitas elle difícil chegar a final de mes e vanse atopar con estes gastos a maiores que lles van facer a vida máis complexa”.

Neste senso, a voceira explicou que os nacionalistas, sabedores desta situación, recurriron “de xeito ridículo” ás excusas máis peregrinas, facendo alusión ao anterior goberno local do PP, que data do ano 2007, á Xunta de Galicia ou á inflación e minimizando e incluso negando que estes impostos suban o que van subir. “Falar da herdanza cando o BNG leva case 19 anos gobernando Bueu é un insulto á intelixencia dos veciños”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *