A pasarena xa instalada na praia.

O Goberno local tomou esta decisión para poder habilitar polo menos un areal completamente accesible ás persoas con mobilidade reducida, despois de verse obrigado a pechar a pasarela de Portocelo polo mal estado

O Concello de Marín vén de encargar de urxencia a colocación de pasarenas na praia de Mogor para habilitar este areal como accesible e permitir ás persoas con mobilidade reducida que poidan acudir á praia con seguridade.

Esta medida deriva da necesidade de, polo menos, garantir un areal accesible, despois de que o Concello se vira obrigado a prohibir o uso da rampa de Portocelo, polo mal estado no que se atopa.
Os técnicos municipais, da man de empresas especializadas neste tipo de estruturas, están estudando cal pode ser a mellor solución para resolver o problema que actualmente presenta a rampa, que aínda que foi recibindo labores de mantemento, ten cerca de 20 anos e a madeira presenta problemas serios, que comprometen a súa estabilidade e seguridade.

Aínda que se tratará de buscar unha solución á maior brevidade posible, desde o Concello explican que “polo menos, coa colocación dos pasarenas en Mogor, podemos garantir a accesibilidade a unha praia, xa que era unha prioridade que tiñamos neste momento de pleno verán, onde todos debemos ter o mesmo dereito de acceso á praia”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *