Alcaldesa e concelleiras na presentación do cartel e a programación das festas.

Marín xa conta os días para o comezo das Festas do Carme 2025, unha das celebracións máis agardadas do verán na vila, cunha programación ampla e diversa que combina tradición, cultura, música e lecer para todas as idades. Xunto a elas, están xa marcadas algunhas das datas máis relevantes de todo o verán de Marín e que xa se poden consultar de xeito íntegro na web concellodemarin.es/veranmarin. Orquestras, concertos, Batalla de Flores, DJs, actividades populares e folclóricas, actividades infantís e culturais… Todas serán protagonistas dunha programación que levará como imaxe unha homenaxe ás xentes e oficios do mar e que foi elaborada pola ilustradora galega Tamara Baz.

A alcaldesa, María Ramallo, e as concelleiras Marián Sanmartín, Itziar Álvarez e Mónica Viqueira presentaron todas estas novidades, adiantando que se repartirán ao longo das próximas semanas programas de man con toda a información e irá engalanándose a cidade con lonas e outros elementos nos que lucir o cartel do verán. Un dos momentos máis especiais chegará o venres 11 de xullo, coa lectura do pregón a cargo do colectivo “@s Saljariteir@s”, o noso gran grupo de cantos de taberna, grandes dinamizadores da nosa cultura popular que, coa súa simpatía e compromiso coas tradicións, darán o pistoletazo de saída oficial ás festas.

A continuación, a música tomará a Alameda cun espectáculo especial “Xuntos pola música”, no que Lys Pardo e Antonio Barros renderán homenaxe ao repertorio do inesquecible Juan Pardo, nun concerto que promete emoción e nostalxia. A noite pecharase coa orquestra Origen. O calendario musical destas festas está cheo de nomes destacados. Entre os pratos fortes atópase o esperado concerto de Camela o martes 15 de xullo no Parque Eguren, que será seguido pola orquestra Capitol. Antes, o 13 de xullo, tamén poderemos bailar ao ritmo da orquestra París de Noia.

A xornada grande será o martes 16 de xullo, coa tradicional misa na honra da Virxe do Carme, a procesión marítimo-terrestre, os pasarrúas, e a gran tirada de fogos de artificio no Paseo Alcalde Blanco. A noite culminará coa actuación da orquestra Marbella. A programación aposta tamén polo talento galego e pola música contemporánea con propostas como Carlos Núñez, que ofrecerá un concerto especial de pago o 31 de xullo na Finca de Briz, e espectáculos como os concertos de La Oca Band, Pili Pampín, Pepo Suevos e Laura Añón. Gastronomía, viño do Morrazo, DJs, natureza e moitas cousas máis.

Entre as actividades paralelas destacan a IV Festa do Viño da IXP Ribeiras do Morrazo, do 11 ao 13 de xullo, coa Alameda como punto de encontro gastronómico e musical, así como o Marín Dance Festival, o Festival Folclórico Internacional de Airiños de San Xulián, a Mostra de Artesanía, o Festival de Cine do Mar e o MACM e unha variada oferta de actividades deportivas, culturais e infantís durante todo o verán.

As Festas de Seixo, do 17 ao 20 de xullo, e citas clásicas como a Festa da Cabala de Aguete, a Rapa das Bestas do Monte Gagán, a Festa Corsaria ou o certame de gaitas Virxe do Carme completan un calendario vibrante e festivo. “As Festas do Carme de Marín consolidan así a súa aposta por unha programación para todos os públicos, que combina tradición e vangarda, música e cultura, facendo da vila un destino imprescindible este verán”, declarou a rexedora, María Ramallo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *