O festival é xa todo un referente a nivel galego e encheu ata arriba a ocupación hoteleira da vila. Haberá exhibicións, workshops e moitas sorpresas
A Finca de Briz converterase este venres 6 e sábado 7 de xuño no epicentro da música e da cultura afrobrasileira coa celebración do Axé Bahía Fest, un evento que combina obradoiros, actuacións musicais e espectáculos de percusión nun entorno natural único. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou o evento xunto aos representantes da Batucada Axé Bahia, organizadora do festival.
Organizado co espírito de difundir as raíces do samba reggae, a capoeira e o axé (que significa “enerxía vital” ou “boas virbacións” no idioma candomblé), o festival reunirá artistas e formadores de prestixio nunha programación vibrante e diversa para todos os públicos.
Venres 6 de xuño – Ritmo e formación
A xornada do venres comezará ás 19:00 h cun obradoiro de levantamento impartido por Gabriel Macedo, seguido dun obradoiro de timbau e repique de 20:00 a 21:30 h. A noite pecharase cos ritmos contaxiosos de DjSü e Carlos Trini, que animarán a pista ata a madrugada.
Sábado 7 de xuño – Festival a pleno rendemento
O sábado, o programa arrincará ás 10:00 h con dúas sesións consecutivas do obradoiro de samba reggae, dirixido a todos os niveis. A partir das 15:00 h, a música en directo e as batucadas tomarán Briz:
15:00 – Axé Bahía Batucada
15:45 – Batucada Os Percutores
16:20 – Concerto de María Eugenia e Banda
16:55 – Batucada Radical
17:30 – Associação CapoeirArte
18:05 – Exhibición de Gabriel Macedo
18:40 – Batucada Extretucada
19:15 – Banda Radical
20:55 – Agradecemento de Marcinha
A xornada rematará coas sesións de música electrónica e afrobeat da man de G Rich DJ (21:00–00:00) e DJ Jorge Álvarez (00:00–03:00), garantindo unha despedida por todo o alto desta festa multicultural.