A iniciativa gastronómica da Asociación Botón de Ancla desenvolverase entre os días 5 e 8 de xuño. As tapas valerán dous euros e haberá premios de xurado profesional e do público
A Alameda Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación da V Ruta Marín Pincho a Pincho, unha iniciativa gastronómica promovida pola Asociación Botón de Ancla e que cada ano suma novos participantes.
Nesta edición, son 12 os establecementos que ofrecerán á veciñanza e ás persoas que nos visiten durante os días 5, 6, 7 e 8 de xuño, as súas mellores creacións culinarias, para que a súa tapa poida erixirse como a gañadora do concurso.
Todas as tapas terán un custe de 2 euros e poderán degustarse entre as 12.30 e as 15.30 horas e entre as 19.30 e 22.30 horas. O xurado estará conformado por profesionais do CIFP Carlos Oroza, que entregará tres premios, aos que se sumará un coa votación do público, a través dunhas tarxetiñas que atoparán nos locais participantes, onde poderán votar do 1 ao 5.
Programación musical asociada á ruta e entrega de premios
Ademais das tapas, tamén haberá moita música estes días en Marín. O venres 6, ás 19.00 horas, pasarrúas co Grupo de Gaitas-Flok Carballido e ás 19.30 horas, concerto de Manuel Madarnás La MMARCA.
O sábado, o pasarrúas arrancará ás 12.00 horas coa Charanga Noroeste. E o domingo, haberá programación durante todo o día: ás 11.30 horas, pasarrúas ca Charanga Os Jalácticos; ás 12.00 horas, sesión vermouth na Alameda co Dúo BL Pop e Manuel Madarnás La MMARCA; ás 19.30 horas, actuación do Trío Azabache e ás 21.00 horas, entrega de premios aos locais gañadores da ruta para rematar co fin de festa.