O organismo provincial concedera unha subvención ao Concello morracense para executar o proxecto de “Ampliación de pluviais e renovación de pavimento na travesía estrada de Marín-Fonte Bieita e Camiño de Fondón” que non xustificou a tempo
A Deputación de Pontevedra ratifica a perda dunha subvención de 83.426 euros correspondente ao Plan Concellos 2022-2023 por parte do Concello de Moaña por presentar fóra de prazo a documentación xustificativa da obra, o período para facelo remataba o 31 de outubro do ano 2024, prazo que xa fóra previamente ampliado, e o Concello non achegou a documentación pertinente completa correspondente ao proxecto Ampliación de pluviais e renovación de pavimento na travesía estrada de Marín-Fonte Bieita e do camiño de Fondón ata o 5 de decembro do ano 2024.
A apertura do procedemento para declarar a perda do dereito ao cobro do importe de 83.426 euros,
correspondente a obra executada e xustificada fóra de prazo, comunicóuselle ao Concello de Moaña en
decembro do 2024 e xaneiro deste ano. E un mes despois, o Concello de Moaña interpuxo un recurso de
reposición que foi desestimado porque a resolución recolle de forma expresa que a obra debía estar
executada o 30 de setembro do 2024 e xustificada o 31 de outubro do ano 2024.
Cómpre lembrar que estes fondos proceden dos recursos liberados do proxecto de rehabilitación do
Concello Vello de Moaña, ao abeiro do programa ReacPon, despois de que ese proxecto conseguira fondos
do Ministerio de Transportes. Ese aforro, 119.651 euros, destinouse mediante subvención nominativa ao
proxecto “Ampliación de pluviais e renovación de pavimento na travesía estrada de Marín-Fonte Bieita e do
camiño de Fondón”. Unha obra da que o Concello só xustificou en prazo unha parte, pola que percibiu
36.224 euros; mentres que os 83.426 euros restantes son retiradas por incumprir os prazos establecidos.