Un momento do pleno de hoxe

O Pleno Extradordinario celebrado esta mañá deu luz verde a iniciar o expediente de contratación do contrato máis grande que ten o Concello e que regula un dos servizos públicos máis esenciais

O Goberno local de Marín leva moitos meses traballando intensamente no novo contrato do servizo de recollida de residuos urbanos, un dos servizos públicos máis esenciais e que a día de hoxe constituirá o contrato de maior custe para o Concello: máis de 20,5 millóns de euros durante os próximos 10 anos.
Este novo contrato suporá “un gran salto de calidade” con respecto ao anterior, tal e como expuxo esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá e que deu luz verde aos pregos, para poder iniciar a licitación.

Entre as melloras que se incluirán dentro da nova licitación está o aumento de case un 35% da capacidade mínima de recollida entre os colectores de todas as fraccións, chegando a case 4 millóns de litros.
Incluirase tamén nas illas o colector marrón, que serve para recoller en exclusiva os residuos orgánicos, deixando o clásico colector verde para a fracción resto, favorecendo unha recollida cada vez máis selectiva e que permita seguir traballando nun Marín máis verde e medioambientalmente sostible.

Ademais da recollida específi ca de enseres, que seguirá funcionando como até o de agora, dentro do novo contrato incluirase a dotación da xestión dun Punto Limpo Móbil, que se irá desprazando por distintos puntos do municipio e que facilitará a reciclaxe dos residuos que deben depositarse no mesmo (pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta, cápsulas de café…, entre outros moitos exemplos). Tamén se instalarán tres novos colectores de 30 metros cúbicos para o uso das brigadas municipais e o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.

Todo isto, inclúese no primeiro lote do contrato, que conta cun segundo lote (que neste caso ten un período de execución de 5 anos), adicado aos residuos textís, para o que se dotará ao municipio de 20 colectores.
O orzamento do contrato para toda a súa duración está valorado en 20,5 millóns de euros e inclúe todos os traballos de mantemento, limpeza e reposición dos colectores e outros elementos urbanos.

“Levamos moito tempo traballando para poder adaptarnos aos maiores estándares de calidade e de sostibilidade con este novo contrato, porque entendemos que a reciclaxe, a correcta separación dos residuos, o mantemento dos colectores e unha xestión de recollida fl exible nos horarios para adaptarse á vida da cidadanía é fundamental”, expresou a concelleira de Medio Ambiente.

Proposta de mellora dun 22% dos salarios da plantilla

Outro dos puntos relevantes desta nova licitación ten que ver co aspecto salarial das e dos traballadores. O novo contrato suporá a subrogación da plantilla actual, composta por 14 persoas traballadoras a tempo completo e unha a media xornada.

Pero, tal e como explicou a edil de Medio Ambiente, “debido á falta de negociación desde o 2019, fecha da que teñen o convenio fi rmado, nestes momentos os salarios que percibe a plantilla están non só por debaixo do salario mínimo interprofesional, senón tamén da media do que perciben traballadores doutros concellos do noso tamaño e contorna”.

O Concello encargou un informe do que se extraeron datos como que o salario bruto anual dun peón en Marín é, na actualidade, un 30,8% máis baixo respecto da media estudada, e no caso dun conductor, é un 41,26% menor.

“Por iso, optamos por realizar un cálculo dos costes aplicando unhas posibles condicións salariais para a plantilla que corrixan este défi cit”, detallou Sanmartín, que se cristaliza nunha proposta de aumento do 22% con respecto á táboa de 2019.

Esta decisión, que conta con informes negativos tanto de Secretaría como Intervención, é considerada así a todo polo Goberno local como “necesaria, posto que é unha situación de xustiza social”, polo que se inclúe nos pregos como unha condición de especial execución para as empresas que queiran concorrer á licitación.
O inicio do expediente de contratación do servizo saiu adiante na sesión plenaria cos votos a favor do PP e do PSOE e o voto negativo do BNG.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *