O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de renovación do Pavillón do Toural, no concello de Vilaboa
Esta obra, que conta cunha achega da Xunta de 60.000 euros, permitiu substituír unha parte da antiga cuberta do edificio por unha nova de chapa prelacada e illamento de poliuretano que permitiu acabar coas filtracións de auga. Ademais, a renovación incluíu tamén a instalación de novos equipos de aerotermia aire-auga; a substitución do pavimento en aseos e vestiarios; e a renovación das luminarias por unhas novas LED de baixo consumo.
Así, os traballos permitiron mellorar considerablemente a eficiencia enerxética deste espazo, ao mellorar o illamento da construción e renovar o equipamento eléctrico, algo que ademais de reducir os gastos correntes do concello, tamén diminúe a súa pegada de carbono.
Neste sentido, o delegado territorial lembrou a importancia de “seguir colaborando entre institucións e de traballar xuntos na modernizacións das infraestruturas, tendo sempre en mente a necesidade de optimizar os recursos públicos sen deixar de ofrecer os mellores servizos aos galegos e galegas”.
Cabe destacar que esta partida encádrase nu fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais que ten como beneficiarios os concellos de menos de 15.000 habitantes . Esta liña adicional concedeu preto de 850.000 euros en axudas para a realización de 17 proxectos na área territorial de Pontevedra. No caso da área de influencia de Pontevedra, ademais de Vilaboa, tamén se beneficiaron os concellos de Barro, Bueu e Campo Lameiro.