En tintos o Ouro foi para Os Areeiros e a prata para Adega Ardán. Na categoría de viticultores Antonio Juncal logra o primeiro premio para o seu branco e Jesús Amoedo para o seu tinto
Os Areeiros Albariño de Guillermo Martínez e Xefa Costas de Bodegas Costas de Exportación comparten o Ouro na categoría brancos da cata das adegas da IXP Ribeiras do Morrazo na Festa do Viño de Vilaboa, mentras que na cata dos tintos das adegas o ouro foi tamén para Os Areeiros mentras que a prata recaeu no
viño Porta do Conde da Adega Ardán.

Na cata dos colleiteiros, na categoría dos tintos, o Primeiro Mellor Viño tinto foi para Jesús Amoedo; o Segundo para Manuel Collazo Fernández e o Terceiro para Nilda Alvariña. Na categoría dos blancos o primeiro posto foi para Antonio Juncal, o segundo para Elisa Ruibal de Casa Boullosa e o terceiro para Jesús Amoedo de Casa da Torre.
En total o xurado, composto por cinco profesionais do sector do viño, evaluou a calidade de 7 brancos e 7 tintos de colleiteiros e 3 brancos e 3 tintos de adegas, que foron degustados polo público en xeral durante as dúas xornadas da festa.
Os diplomas aos gañadores foron entregados na carpa da Festa do Viño polo alcalde e as concelleiras Carmen Gallego, María Canosa e Carmen González, que entregaron tamén os diplomas de agradecemento pola súa participación aos colleiteiros non premiados, ás artesanas asistentes e aos responsables dos postos gastronómicos.
Trala entrega dos diplomas Xan Lorenzo encargouse de arrincar máis dun sorriso a todos os asistentes cun pregón cargado de referencias persoais a viticultores e adegueiros aos acabou por convidar a subir ao escenario para facer un brindis conxunto como xesto simbólico do traballo en equipo en defensa do sector vinícola.
O goberno local agradece especialmente a colaboración de José Manuel Fernández Castro, do Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural pola súa aportación ao correcto desenvolvemento destas catas, organizadas para poñer en valor a calidade dos caldos locais.
Viticultores e adegueiros deron saída a un importante número de botellas nestes dous días de festa que tiveron un dos seus puntos álxidos a noite do sábado coa Verbena Sinfónica a cargo da Banda da Escola de Música de Vilaboa co cantante Antonio Barros, que fixo vibrar a carpa. Outro dos momentos concurridos foi o da actuación da Banda de Gaitas da Asociación Cultural Aires de Cobres.
A valoración tanto de colleiteiros como de produtores profesionais é positivo xa que ao marxe das ventas, que non se coñecerán ata que fagan balance, “estes eventos son moi necesarios como fiestras nas que amosar a calidade dos caldos que facemos aquí”, apuntou Guillermo Martínez, de Adega Os Areeiros.
Xunto á degustación dos viños locais, moi dinámica durante os dous días da Festa, o evento completouse coa presenza de varios postos gastronómicos de ostras polbo, empanada e churrasco no que se despacharon un importante número de racións; proposta gastronómica que se complementou con Docerías do Mar para as sobremesas.
César Poza e Carmen Gallego despediron a XII Festa do Viño de Vilaboa animando aos produtores a continuar posicionando os viños de Vilaboa nun mercado moi competitivo e felicitándoos pola calidade cada vez máis alta dos seus caldos. “Este ano contamos con dúas mulleres colleiteiras que estiveron aquí os dous días da Festa dando a coñecer os seus viños e gustaríanos que foran moitas máis as que se puxeran ao fronte de iniciativas emprendedoras como esta”, concluíu Carmen Gallego.