O presidente provincial, Luis López, os deputado Juan Bayón e Irene Garrido, os voceiros Rafa Domínguez, Alberto Acuña e Noelia Ocampo, a senadora Pepa Pardo e Agustín Reguera reclaman “axilidade e compromiso” do Goberno de España para dispoñer dunha senda segura de 13,5 quilómetros entre os tres concellos
O PP Provincial de Pontevedra vén de valorar o cambio de postura do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible respecto da creación dunha Vía Verde na antiga rede ferroviaria entre Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, actualmente en desuso e nun evidente estado de abandono, posto que admitíu que na actualidade si que está a estudar as distintas posibilidades para a execución desta senda peonil e ciclista de carácter natural.
En todo caso, os populares veñen de esixir que o departamento estatal concrete prazos e vías de financiamento para a realización desta demandado proxecto “co obxectivo que non quede no limbo e nos habituais estudos eternos cos que o Goberno de España marea á provincia de Pontevedra. Neste senso, indicaron que se abra unha “magnífica oportunidade” tras a oferta de colaboración para esta actuación, con achega económica incluida, cursada pola Deputación de Pontevedra a través dunha carta remitida hai uns días polo presidente, Luis López, ao ministro Óscar Puente.
Esta infraestrutura natural foi reclamada novamente nun encontro, celebrado nun punto desta antiga liña ferroviaria na contorna vilaboesa de Paredes, polo presidente provincial do PP, Luis López; o deputado Juan Bayón e a senadora Pepa Pardo; os voceiros de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, Rafa Domínguez, Alberto Acuña e Noelia Ocampo; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; e outros concelleiros destes tres municipios.
Na súa comparecencia revelaron que, hai algúns meses, o Goberno de España rexeitaba con rotundidade este proxecto e agora mudou de posición, xa que, ante senllas preguntas formuladas polo PP no Congreso dos Deputados e no Senado, admitíu que tanto o Ministerio de Transportes como o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) “están a estudar fórmulas de actuación que teñan en contas as demandas recibidas para darlle a este espazo outros usos compatibles coa planificación ferroviaria”.
Ante esta situación, os representantes do PP valoraron que, no propio posicionamento do Executivo central, “queda claro que cambiou de postura e abandonou a súa pechazón a facer a Vía Verde pola presión política exercida polo noso partido e a dos propios veciños, principalmente de Vilaboa”, polo que quixeron reclamarlle “axilidade e compromiso” para tomar unha decisión definitiva e áxil orientada a recuperar este espazo e dispoñer deste xeito dunha senda segura de 13,5 quilómetros entre estes tres municipios.
O PP Provincial debullou a súa proposta, que pasa por crear esta Vía Verde e facelo dun xeito que sexa reversible se, chegado o caso, fixera falta de novo esta liña para o desenvolvemento ferroviaria de Galicia, aínda que remarcou que isto non se atopa actualmente nas previsións do Goberno central.
Implicación dos gobernos locais de PSOE e BNG
En calquera caso, os populares expresaron certas dúbidas pola “vaguedade” na resposta do executivo, “posto que non detallou o contido do estudo que está a realizar, non concretou a posible desafectación da vía, tampouco se referíu aos prazos de execución nin se comprometeu especificamente a colaborar no financiamento da Vía Verde”.
En todo caso, e ante esta nova situación, o PP Provincial anunciou que vai redobrar os seus esforzos políticos e sociais con novas iniciativas nas próximas semanas para arrancar canto antes un compromiso do Goberno de España para executar esta Vía Verde e tamén demanda a implicación efectiva e real dos gobernos nacionalistas de Pontevedra e Soutomaior e do socialista de Vilaboa.
“Como principais beneficiarios queremos se sumen á oferta en positivo e construtiva da Deputación, que pretende recuperar un espazo abandonado e degradado para seguir contribuíndo as contornas e as zonas de valor natural da provincia, como xa fixo con anterioridade no Salnés, en Redondela e a contorna de Vigo”, concluiron os representantes populares.