Durante a recepción no Concello as estudantes explicaron ao alcalde que o Centro de Vilaboa é un referente tanto na USC como na UVigo
As aulas do CRA de Vilaboa incorporan estes días a cinco alumnas en prácticas procedentes do doble grado de Educación Infantil e Primaria da USC; de Educación Infantil da UVigo e dúas becarias da Fundación Princesa de Girona, coa que o CRA ten un convenio desde o ano 2020.
Todas elas, acompañadas pola directora do CRA Conchita Pérez, e por parte do profesorado do centro foron recibidas esta mañán polo alcalde de Vilaboa nunha recepción que tivo logo continuidade na sede do Centro Rural Agrupado e que permitiu a César Poza interesarse polas motivacións das alumnas para escoller Vilaboa para completar a súa formación.
I é que Nuria Santos González e Mariña Chaves Fraga veñen de Mos e de Cambados respectivamente. En ambos casos recibiron recomendacións tanto da USC como de persoas do seu entorno coñecedoras da labor que se desenvolve no CRA alentándoas a elixir este centro. Algo similar lle acontece a Cristina Rodríguez, que se despraza desde Moraña. As tres coinciden en buscar un enfoque pedagóxico diferente ao dun centro urbán e síntense atraídas por unha práctica educativa que utiliza os recursos naturais e o medio que rodea cada aula como unha ferramenta didáctica para o aprendizaxe do alumnado.
Cristina Rodríguez, da Uvigo, recoñece que a chegada ao CRA amosoulle que todo o que aprendeu a nivel teórico na carreira non a preparou para o momento de comezar a impartir clase, de aí a importancia deste periodo de prácticas que, segundo explicou unhas das profesoras do CRA, será clave para o futuro das becarias xa que para moitas delas é o único contacto coas aulas antes de ter que defender nun tribunal de oposición unha programación.
Blanca González Cantero e Joana Sanz Pena chegan a Vilaboa becadas pola Fundación Princesa de Girona, desde Granada e Viladecans (Cataluña). Joana ten raíces galegas e asegura que lle chamou a atención a posibilidade de estar nun centro rural con rapaces de diferentes idades e quixo coñecer máis en profundidade como se desenvolve este proxecto educativo. Blanca, pola súa parte, recoñece que no seu círculo granadino Galicia é unha terra idealizada e veu explorar novas oportunidades.
A recepción rematou na sede do CRA no Toural coa entrega duns agasallos que César Poza utilizou de base para converter ás cinco estudantes en embaixadoras de Vilaboa, convidándoas a coñecer o Entroido de Cobres, a descubrir As Salinas, a percorrer os muíños de Riomaior e a achegarse ao parque de Castiñeiras. Unha experiencia que, unida ao aporte de profesionalización que obterán nas aulas, “farán destas prácticas unha vivencia singular”.