A petición desta liña de subvención do Plan +Provincia levouse esta mañá á Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local celebrada onte aprobou solicitar á Deputación de Pontevedra, a través da Liña 2 do Plan +Provincia 2025, unha subvención de 92.000 euros para sufragar os gastos da programación cultural da Festa Corsaria e do Samaín Briz, dúas datas imprescindibles no calendario festivo de Marín e que atraen a centos de visitantes doutras localidades.
A Festa Corsaria, data clave do mes de agosto, conmemora a xesta de Juan Gago de Mendoza na súa loita contra os ingleses e engalana todo o municipio de ambiente corsario, cunha enorme programación pensada para todos os públicos que cada ano crece e trata de innovar e traer novas propostas de dinamización.
No caso do Samaín Briz, a Finca do mesmo nome convértese nun auténtico parque temático do terror pola véspera do Día de Defuntos e que en apenas uns cantos anos converteuse nun auténtico referente en toda a comunidade autónoma, con propostas tan innovadoras como as rutas do medo, espectáculos nocturnos e temáticos e moitas cousas máis, mesturando o místico coa maxia, que divide o mundo dos vivos e dos mortos e apostando pola revalorización das lendas típicas do Samaín galego.
“Con ambas festas, conséguese unha gran promoción turística da vila e nos permite dinamizar cultural e económicamente o noso municipio, á vez que poñemos en valor o noso patrimonio histórico”, explicou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.
Ademais, ambas son un gran exemplo de colaboración e sinerxia co tecido asociativo local e da contorna, xa que participan unha gran cantidade de entidades culturais e sociais, que aportan o seu grao de area no éxito de ambas convocatorias.