En total, realizarase unha inversión cercana aos 10.000 euros e actuarase nos da Grela, da Laxe, Lapamán e Castiñeiras, así como nun pequeno treito do Sequelo
A limpeza dos ríos é unha actuación medio ambiental de mantemento que se debe facer todos os anos para poder liberar ao trazado do río da maleza que se acumula e permitirlle ao caudal da auga que discorra sen obstáculos ao longo do cauce.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, achegouse ata o Río da Laxe, para comprobar o inicio destes labores, nos que se investirán cerca de 10.000 euros.
Os traballos consistirán na limpeza dos laterais e do propio cauce, triturando a maleza cunha desbrozadora manual de disco. Esta maleza, así como os obxectos e os plásticos que se poidan atopar, serán levados ao vertedoiro.
Os traballos executaranse nas seguintes localizacións:
● Río Lameira: Dende Ponte Zapal ata o Centro de Saúde.
● Regato do río Lameiriña: regato que pasa por detrás do colexio Sequelo.
● Río da Grela: dende a ponte de Coirados ata o lavadoiro da Presa.
● Río da Laxe: dende trinta metros antes da ponte do camiño do Peso ata a parcela detrás do antigo supermercado Mercadona, inclúese corte e recollida de canas do talude do colexio A Laxe.
● Río Lapamán: dende a estrada xeral ata o camiño.
● Río Castiñeiras: dende o lavadoiro de Coirados ao muíño antigo en A Roza.
Tal e como informou o concelleiro de Medio Rural, hoxe xa quedou listo o Río da Laxe e agora procederase co tramo do Río Lameira. Con esta limpeza, que sempre se fai coincidir coa estación outonal, conséguese, ademais, prever posibles problemas de desbordes e de atrancos no leito na época de chuvias do inverno, para evitar que se produzan danos nas zonas poboadas polas que discorren estes ríos.