A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, xa mantivo varias reunións cos colectivos que colaboran no desenvolvemento da festa. Volverán as rutas do medo, as estacións de acceso libre, os espectáculos e o PequeSamaín, entre outros atractivos
Marín xa se prepara para converterse nunha auténtica vila de medo e diversión. O Samaín Briz volverá ser o gran evento da noite do 31 de outubro e o Concello xa está inmerso en toda a organización. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa.
A Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumaron o ano pasado as comparsas Cor Café e Val do Lérez. Este ano tamén participará a comparsa As Sonecas.
“Teremos de novo rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo”, adiantou Sanmartín, que recordou que a festa se desenvolve entre a tarde e a noite previa ao festivo de Todos Os Santos.
Haberá algúns cambios con respecto ás anteriores edicións, como a ubicación dos espectáculos, que pasarán a facerse no entorno da lagoa principal, ou a do PequeSamaín, unha novidade que o ano pasado funcionou moi ben e que agora se ubicará en toda a zona do Auditorio, impulsándoo con moitas actividades específicas para os máis pequenos da casa e coa intención de que os pais e nais que asistan poidan tamén desfrutar colaborativamente con eles.
A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.
Sanmartín recalca que todos os colectivos que queiran poden sumarse á festa e anima a aqueles que queiran participar a que se poñan en contacto con Concello a través do mail alcaldia@concellodemarin.es ou por teléfono, no 986 88 03 00.