A pavimentación de camiños e a mellora das infraestruturas viarias é fundamental para manter a correcta conexión do rural, tanto entre lugares e parroquias como co centro urbano da vila. Por iso, o Concello de Marín traballa en manter en perfectas condicións as estradas do municipio, como é o caso da que dá acceso ao núcleo de Pastoriza, na PO-313.
Así o explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, que informou da solicitude presentada polo Concello para acadar unha subvención coa que sufragar a primeira fase da actuación nesta estrada. A axuda imputaríase ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Actualmente esta estrada atópase deteriorada, tanto polo paso do tempo como polo intenso uso que se fai dela, xa que é a principal vía de acceso ao núcleo de Pastoriza.
A primeira fase do proxecto consistiría na rehabilitación e ampliación do firme, así como na mellora da drenaxe da plataforma da vía. Beneficiaría a 1.565 metros cadrados de superficie. “Este tramo que engloba a primeira fase é o que se atopa en peor situación, por iso é o que se prioriza para realizar esta inversión, que é limitada”, explica Novas, xa que a contía total da subvención non chega para facer todo dunha vez. O orzamento do proxecto ascende a 45.987,92 euros (sen IVE).
Por outra banda, o concelleiro explicou que está a redactarse un proxecto integral de mellora de camiños en todas as parroquias, incluindo no mesmo aquelas vías que presentan un estado máis deteriorado.