O Partido Popular de Cangas amósase moi preocupado polo mal estado que presentan os viais municipais e acusa ao actual equipo de goberno de non tomar ningunha medida nos seis meses que levan no goberno. Para os populares a situación xa é insostible e é a consecuencia da parálise e falta
absoluta de xestión do goberno liderado pola nacionalista Araceli Gestido. “O único logro nestes meses de goberno tripartito foi aprobar os seus soldos. Despois de iso non fixeron absolutamente nada” lamentan.
A formación sinala que esta situación resulta palpable tanto no casco urbano como no rural. “Son moitas as queixas da veciñanza polos socavóns que se poden a topar nas diferentes estradas e pola inacción por parte do Concello á hora de actuar e realizar o debido mantemento”. “A ver a quen lle botan a culpa agora” ironizan. Desde a forza maioritaria da corporación destacan que esta situación é un claro exemplo da inoperancia do actual goberno local, “incapaz de xestionar e de responder ás necesidades dos cangueses e canguesas ao cales só ofrece excusas botando balóns fóra cara outras administracións cando non directamente á oposición”.
O PP reclama a Gestido que “se poña a traballar” e poñan en marcha de forma urxente un Plan Municipal de Camiños que permita actuar de forma coordinada e eficiente naqueles viais que se atopan en peor estado. “Agardamos que agora, co orzamento municipal do 2020 prorrogado xa non poñan a excusa de que non hai cartos” afirman. “Tratase dunha das principais demandas veciñais que ademais ten especial incidencia na seguridade viaria” resaltan, “por culpa dos buracos no pavimento se teñen vivido situacións de auténtico perigo que non rematan en accidente por pura sorte” engaden, á vez que indican o desgaste que supoñen para os vehículos o circular por camiños en estado “de
total abandono”.
Avenida de Lugo
Os populares tamén se preguntan se finalmente o goberno local vai a actuar na avenida de Lugo e renovar o pavimento e poñer o paso de peóns que leva sinalizado hai meses ou vai a acontecer o mesmo que no mes de outubro cando, “ademais de valar parte da rúa desprazaron maquinaria durante días se chegar a facer nada”. “Primeiro actuouse na beirarrúa en etapa electoral e situouse un paso pododáctil supostamente para poñer un paso peonil cun bache de velocidade, despois de varios meses colocáronse as sinais indicando un paso que non existía e tapadas con plástico e tres meses despois, todo segue igual”. “Conclusión, este goberno é tan eficiente que 6 meses non resultan suficientes para unha actuación de semellante envergadura” ironizan. “Agardamos que desta vez realiacen esta actuación e polo ben de todos, melloren a eficiencia destes traballos no futuro” rematan