Unha condutora de mediana idade que circulaba esta mañá pola PO-551 en dirección Cangas saíuse da vía cando conducía o seu vehículo, un Porsche Cayenne, poucos metros antes da curva da Porta do Sol, na parroquia de Meira, en Moaña.
Segundo a Policía Local, que estivo durante dúas horas regulando o tráfico para dar saír ás retencións que provocou o accidente en hora punta, o coche impactou con tres automóbiles que había estacionados na marxe causándolles importantes danos dado o tamaño do vehículo causante. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, tampouco da condutora que non precisou atención médica.
Polo momento descoñécense as causas que provocaron a saída da estrada xa que a condutora deu negativo no test de alcoholemia.
Varios guindastres acudiron ata este punto para retirar os vehículos sinistrados e despexar a estrada.