A Deputación xa orientou o seu Plan de Xestión de Turismo de Festivais á saída do Covid19 con accións que mitiguen o impacto da crise sanitaria
Deseñar e calendarizar un plan de traballo conxunto, con accións concretas destinadas a “salvar este ano 2020 e comezar a traballar a medio prazo para reforzar e impulsar os Rías Baixas Fest cara ao 2021 e incluso 2022”, foi o primeiro obxectivo acordado hoxe na reunión da Deputación de Pontevedra cos festivais de música, integrados na marca provincial #RiasBaixasFest Neste primeiro encontro coas direccións dos festivais PortAmérica, Revenidas, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Sinsal e Vive Nigrán, a presidenta provincial, Carmela Silva, comprometeuse “ao máximo apoio posible da institución provincial, unha vez coñezamos todos os escenarios que poden abrirse para os festivais cando remate o confinamento e se inicie a desescalada”. Por elo, Deputación e Festivais concordaron en iniciar un plan de traballo para deseñar accións concretas, destinadas “aínda que sexa difícil, a salvar este ano 2020 e comezar a traballar a medio prazo pensando xa no reforzo e no impulso dos RiasBaixasFest cara aos anos 2021 e 2022”.
O calendario establecerá medidas e propostas “para reorientar e reinventar neste ano posibles eventos que permitan achegar financiación, aproveitando os novos hábitos e modelos de consumo que se estableceron no confinamento e, con elo, axudar ás promotoras a manter as súas estruturas empresariais e os postos de traballo. Tamén, a posibilidade de establecer estratexias de promoción xunto ao sector turístico, e de instar ás administracións a flexibilizar
os procedementos para facilitar as achegas ao sector. Trátase de adiantarse e ter establecido a finais de maio un plan de acción que dea solucións tanto a posibles aprazamentos como a cancelacións caso de producirse. “En definitiva, converter a crise nunha oportunidade”
A presidenta da Deputación tamén garantiu ás direccións dos festivais que instará ás administracións competentes como a Xunta de Galicia e ao Estado a asumir un plan e un compromiso específico para estes eventos, “xa que non podemos permitir que ningún festival desapareza. Falamos dunha marca consolidada que ten impacto máis aló do turístico, con moita influencia no territorio, no emprego e na actividade económica. Sería un drama”. Nese sentido, Silva comprometeuse a traballar xunto ao resto das administracións e, de feito, plantexar tamén cos concellos nos que se desenvolven os festivais unha mesa coas promotoras e coa Deputación para “sumar sinerxias e establecer un modelo de actuación”.
A presidenta provincial, que sinalou que “a cultura ten que ser un ben de primeira necesidade”, tamén informou ás direccións dos Rías Baixas Fest que a Deputación de Pontevedra xa reorientou o seu Plan Estratéxico de Xestión dos Festivais da provincia 2020-2023 para adaptalo ás consecuencias da crise sanitaria xerada polo COVID19. As primeiras conclusións establecen o estudo do uso das liñas orzamentarias previstas para o fomento dos festivais; o impulso urxente dun plan de recuperación; articular unha estratexia de colaboración para minimizar o impacto da cancelación ou aprazamento dos festivais; e delimitar cos concellos anfitrións destes eventos unha folla de ruta de implantación dos futuros protocolos para ser “destinos de confianza”.