Nese ano, recadou impostos e tributos delegados de 53 concellos e 9 entidades locais
O deputado delegado do ORAL, Carlos López Font, presentou a memoria de actividade do organismo durante o 2019, no marco da política de transparencia iniciada o ano pasado pola Deputación de Pontevedra. Ao longo do ano pasado, e tralo proceso de modernización e mellora do organismo, xestionáronse valores por valor de 217,8 millóns de euros e recadáronse impostos e tributos de 53 concellos e 9 entidades locais, o que amosa, en palabras do deputado, “a confianza dos concellos na xestión do ORAL”.
Neste eido, o deputado eloxiou o papel desenvolvido deste organismo sen o cal “os concellos terían moitas dificultades para levar a cabo a recadación de forma eficaz e eficiente, cos seus propios medios e persoal”. Máis polo miúdo ao longo do 2019 xestionáronse valores para os concellos por un total de 217,8 millóns de euros que supoñen, segundo destacou Font, 1,3 millóns de euros máis que no 2018 e ata 20 máis que no 2015.
En cando a recadacións, o volume ascendeu no 2019 a 122,9 millóns dos que 96,6 (o 78,6% do total) correspóndense con concellos de menos de 20.000 habitantes. Neste eido, o deputado provincial destacou que o 87,3% dos cobros, 107,3 millóns de euros, realizouse en período voluntario o que “fala da responsabilidade da cidadanía á hora de cumprir as súas obrigas, coas que achegan recursos aos orzamentos das súas localidades para que se poidan
prestar os servizos públicos”.
Carlos López Font incidiu especialmente na modernización e esforzos na mellora da xestión do ORAL, que se traducen no aumento da porcentaxe de cobro en período voluntario dos padróns de tributos locais con maior poder de recadación como o IBI (67,6 millóns de euros en total dos que 60 foron en voluntario), as taxas de lixo e auga (20,1 millóns de euros, dos cales 18,5 en voluntario) e o IAE (co 91,5% cobrado en período voluntario). Neste mesmo eido, tamén enxalzou o deputado o aumento “notable” das domiciliacións, con
máis de 35.000 nun ano.
Ademais, e tamén no que respecta á modernización, para o deputado, foron claves as campañas de información, a web do ORAL estreada o ano pasado e a Oficina Virtual Tributaria lanzada en febreiro do 2019: “É o mellor exemplo de como este organismo soubo adaptarse ás novas necesidades da cidadanía e aos cambios nos modos de comunicarse entre persoas administradas e administración”. No caso concreto da Oficina Virtual Tributaria, Font destacou que “en dez meses rexistráronse máis de 717.000 transaccións”.
O deputado quixo tamén aproveitar a oportunidade para enxalzar o papel do ORAL durante a crise da Covid-19 e agradecer a implicación do persoal. “Tivo unha resposta áxil e efectiva, propia dunha administración moderna e madura, para minimizar o impacto nos concellos e nas persoas contribuíntes”, subliñou.
Font quen destacou, entre outras cuestións, a paralización do calendario fiscal, a flexibilización dos pagos sen xuros, o reforzo das liñas de atención telemática, a posta en marcha da chave segura e a app móbil en colaboración con Abanca para o pagamento dos tributos. Ademais, durante a crise sanitaria reforzáronse os asesoramentos aos concellos en materia de implantación de medidas fiscais e anticipáronse 63,6 millóns de euros, así como púxose en
marcha un fondo extraordinario de anticipos dotado de 21 millóns de euros dirixidos aos concellos.
En canto ás novas iniciativas de cara ao futuro, o deputado destacou que o ORAL seguirá a traballar para aumentar a colaboración cos concellos e incrementar as medidas que favorezan e flexibilicen as cargas tributarias das persoas contribuíntes. Neste eido Font adiantou o lanzamento dunha liña para facer máis doados os pagamentos para a cidadanía e pemes e a aposta por materializar con seguridade xurídica os incentivos fiscais que os concellos
consideren introducir nas súas ordenanzas de 2021.