A UTE reclamáballe case 620.000 euros pero o xuiz considerou que a indemnización debe ser de 266.606 euros, 352.000 euros menos do que pedía a empresa
O concello de Cangas leva anos litigando coa concesionaria da auga en Cangas, a UTE Gestión Cangas. Todo comezou anos atrás coa intención da empresa de cobrar unha cantidade de 620.000 euros por diminución nos ingresos dos anos 2017 e 2018, e á que o concello non estaba de acordo ao parecerlle «unha cantidade esaxerada», ante esta situación a empresa optou por resolvelo xudicialmente.
O pasado venres, día 21 de maio, o Concello recibía a resolución desta demanda nas dependencias municipais, un fallo que ratifica o que xa era coñecido polo concelleiro de Facenda, Mariano Abalo, “que a empresa pretendía cobrar ao consistorio 352.000 euros de máis,” e que agora coa sentenza xudicial pasa dunha primeira intención de 618.677 á ratificada no xulgado de 266.606,36 euros. Isto, din dende o Concello, supón un «aforro» para o consistorio de 352.070,64 euros.
De feito, o pasado 16 de marzo, a alcaldesa, Vitoria Portas, informaba de que o Concello gañara unha nova partida á UTE tras estimar a Xustiza en parte o recurso presentado polo consistorio no conflito polo que a empresa reclamaba ás arcas municipais por valor de 618.677 euros. Esta esta palmada dos xuíces ao goberno local, adiantaba a rexedora, supoñía o aforro que defende Abalo se decidían non presentar recurso de casación e optaban por aceptar a sentenza como así foi finalmente.
Abalo di que acatará a sentenza «como non pode ser doutra maneira» e desta maneira conseguirá un aforro para as arcas municipais de máis de 350.000 euros, «un diñeiro que nestes momentos é moi necesario, para axudar aos sectores máis danados por esta pandemia, que parece que por fin empezamos a controlar, e a que obrigará ao consistorio e sobre todo á concellería de Facenda que terá que facer esforzos extraordinarios para axudar á Cultura, ao Deporte, ao Turismo, á Hostalería e por suposto a todo o tecido empresarial».