Vilaboa volveu ser obxeto este fin de semana dun atentado ecolóxico coa aparición de enseres, electrodomésticos e colchóns en varios puntos do término municipal. O Concello de Vilaboa iniciará unha investigación para localizar ás empresas ou particulares responsables destes verquidos recurrentes e solicita a colaboración veciñal para identificar aos autores destes atentados ambientais que non so danan a imaxe do municipio senón que gravan as arcas municipais cuns costes de xestión dos residuos que non lle corresponde asumir aos veciños de Vilaboa.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, que xa no mes de marzo anunciaba unha campaña municipal contra o “turismo de residuos”, advirte que aplicará con contundencia a normativa vixente contra quenes perpetren este tipo de atentados.
O Concello ten a disposición dos veciños e veciñas dous teléfonos gratuitos para coordinar a recollida dos voluminosos. Quen queira desfacerse dun colchón ou calquera tipo de moble ten que chamar ao 900 720 190 ou ao 676 676 472 e informar ao técnico de Urbaser, empresa concesionaria, do lugar onde o vai deixar.
A recollida é sempre os mércores pero é necesaria a comunicación previa xa que se realiza cun camión diferente ao dos residuos. “Temos este servizo en marcha dende hai dez anos e facemos campañas periódicas para recordar a súa existencia, polo tanto non é admisible xa o descoñecemento deste servizo gratuito para os residentes en Vilaboa”, explica César Poza.
Outra cousas son as empresas de fora do municipio que utilizan o seu paso polo término municipal para desfacerse de refugallos. Neles pon o seu punto de mira o Concello de Vilaboa. “Agradecemos calquer información que nos axude a identificalos. É moi lamentable que haxa que recurrir á sanción para que se respete o medio pero non temos alternativa. Vilaboa non vai ser o vertedeiro da comarca”, conclúe.