O BNG presenta una moción ao próximo pleno para instar á Xunta a ampliar os horarios e a modificar as rutas do transporte por estrada
O BNG de Cangas propoñerá á corporación municipal no próximo pleno ordinario instar á Xunta de Galicia á ampliación de horarios e modificación de rutas do Transporte Regular de Viaxeiros por Estrada Cangas-Vigo para que se inclúa o paso pola Estación de autobuses de Vigo e no futuro pola nova estación intermodal.
A día de hoxe, consideran os nacionalistas, as frecuencias actuais son insuficientes e cunhas rutas que manteñen ó concello mal comunicado coa área de Vigo, pois «non hai un só autobús que pase pola Estación de Autobuses de Vigo, o que elimina a posibilidade de facer transbordo para viaxar a calquera outra vila da nosa área, do resto de Galiza, do Estado ou de Europa. Nun futuro próximo vaise poñer en marcha unha estación intermodal que nos faría máis doado viaxar en tren se tiveramos enlace directo con esta estación».
Neste momento hai 23 frecuencias de autobuses que comunican Cangas con Vigo, das que 10 chegan ós Hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro (4 destas chegan á Universidade) e 13 a Bouzas (Zona Franca).
«O noso Concello é un dos que máis aporta economicamente ó Transporte Metropolitano de Galicia na área de Vigo e os nosos veciños e veciñas merecen respecto e unha mellor comunicación, non ter que depender dun transporte urbano discriminatorio, polas liortas políticas entre a Xunta e o concello de Vigo, e a inexistencia de rutas e horarios que facilitarían o uso do transporte público e os enlaces necesarios para os desprazamentos da nosa veciñanza polos concellos da Área de Vigo e da Galiza», expoñen na moción presentada polo BNG de Cangas.