Moaña termina as obras de accesibilidade no Paseo do Vaticano, no tramo comprendido entre a entrada ao porto de pasaxe e a rampla da Ramona, en pleno centro do municipio. Trátase dunhas melloras asumidas polo Concello dentro do convenio subscrito con Portos de Galicia para conseguir que tamén se reparase o paseo de madeira en mal estado na contorna de O Con.
A alcaldesa, Leticia Santos, a tenente de alcaldesa, Marta Freire, e o edil de Mobilidade, Rodrigo Currás, visitaron esta mañá a zona para comprobar o resultado dos traballos que xa foran aplaudidos por asociacións como Discamino e Aspansim.
Portos e Concello asinaron un convenio a finais de 2020 no que se incluían tres puntos importantes para o municipio. Unha vez executados os traballos no peirao de O Con por parte da administración autonómica, o mantemento posterior pasa a ser responsabilidade do Concello.
Ademais, o documento recollía a separación da iluminación pública da rúa José Costa Alonso do da zona portuaria de forma que o Concello poida encargarse da iluminación dese tramo para igualar a súa estética coa do resto do municipio.
Por último, a autorización por parte de Portos ao goberno local a realizar estas obras de mellora da accesibilidade no Paseo do Vaticano. Uns traballos que xa están executados.