Acto de presentación esta mañá da programación da Mostra nesta 40 edición.

Terá lugar entre o 25 de xuño e o 8 de xullo e 38 dos 50 espectáculos serán sen coste para o público

50 eventos en catorce días, variados e de recoñecemento nacional e internacional. Esa é a carta de presentación da XL edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) que terá lugar entre o 25 de xuño e o 8 de xullo no auditorio Xosé Manuel Pazos Varela e en diversos lugares da localidade. «Unha mostra XL», como a definiu a directora, María Armesto, que resaltou o «motor constante» desta cita coas artes escénicas «desde os seus inicios» grazas ao «esforzo» de «moita xente».

Todas as administracións que axudan economicamente a que a Mostra sexa posible estiveron hoxe representadas nun acto, como Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Cangas. Por parte da administración provincial, a deputada Vitoria Alonso, que quixo poñer en valor as dificultades de quen fai catro décadas decidiron inmiscirse no reto de crear a Mostra a pesar de que a economía e o tecido asociativo nada tiñan que ver coa actualidade.

O equipo que fai posible a Mostra.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, puxo o acento en que «o secreto do éxito» desta Mostra está no «compromiso» da Asociación Cultural Xiria e na «implicación» do pobo de Cangas. Ademais, puntualizou que os criterios da Xunta para outorgar o financiamento valórase «a calidade da programación, as actividades paralelas e as coproducións», tres piares que cumpre perfectamente esta Mostra. A encargada de pechar as intervencións institucionais foi a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, quen emocionada puxo o acento no labor pioneiro que a organización realizan pola igualdade. «A cultura temos que valorala, está ben que os espectáculos sexan gratuítos para que a cultura chegue a todo o mundo pero tamén hai que pagar para poñela en valor e implicarse con ela», engadiu facendo referencia a que 38 das 50 obras non teñen custo para os espectadores.

O director do auditorio, Juanjo Pérez, foi o encargado de explicar que só 12 das obras serán de pago, aínda que a prezos reducidos. «É un agasallo á cidadanía», dixo Pérez. Desde o 15 de maio e ata o 15 de xuño poñeranse á venda abonos a 70 euros para oito dos espectáculos para os que será necesario adquirir entradas. Desta forma aforraranse 10 euros ou, o que é o mesmo, unha das obras sairalle gratis. Tanto este sistema de bono como as compras individuais en liña realizaranse sen comisión a través da páxina web da Mostra.

Figuras destacadas

O encargado de dar o pistoletazo de saída co seu pregón será o actor Luís Soaxe, presente neste acto de presentación. Tamén teñen un papel destacado nesta 40 edición os membros de Tanxanina, que este ano son os gañadores do premio Xiria ao labor teatral. Trátase de unha compañía de teatro de monicreques redondelana, con máis de 35 anos de traxectoria artística.

Outros dos premios relevantes da MITCFC é o ‘Premio Mulleres en Acción’. Este ano, o galardón será para a escritora e activista feminista Amelia Tiganus. A organización da Mostra outórgalle este premio “pola súa valentía, compromiso e determinación en combater a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas”. Ademais, recoñécelle “o seu infatigable activismo feminista e abolicionista para conseguir unha sociedade libre de prostitución, violencias e agresións exercidas contra as mulleres”. A MITCFC destaca que se trata dun “referente indiscutible” non só para as mulleres prostituídas, senón para todas as que loitan “por ser donas de si mesmas e do seu propio corpo”.

Estreas en Galicia

A XL MITCFC ten programadas 5 estreas en Galicia. Unha delas é ‘El avaro’, unha obra do
dramaturgo francés Molière que pon en escena a compañía Atalaya cun elenco de oito actores e actrices entre as que se atopa Carmen Gallardo. Outra das estreas en Galicia é ‘In petto’. Para esta creación, a compañía belga Okidok redescubre o traballo dun dúo de pallasos non verbal, guiado por un teatro xestual cunha estética asertiva. A Mostra tamén suporá a estrea en Galicia da obra ‘Contracciones’ (Producciones Come y Calla). A obra explora a invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados. As actrices Candela Peña e Pilar Castro protagonizan este espectáculo que, partindo desde unha realidade distópica, considera até onde se é capaz de chegar para conservar un posto de traballo.

A última obra que se estreará nesta 40 Mostra en Cangas é o espectáculo de rúa ‘Camino del Paraiso’, (Guirigai Teatro, Estremadura). Trátase dunha comedia satírica que transcorre nunha vila no Camiño de Santiago con tres pícaros peregrinos como protagonistas. A obra reflexiona en clave de humor sobre as actitudes dos peregrinos a Santiago de Compostela nunha época de bruxerías e supersticións.

Outro dos espectáculos que se estrearán en Galicia é ‘Los días ajenos de Bob Pop’, un espectáculo de voces e memoria creado e interpretado por Bob Pop a partir dos seus libros ‘Días ajenos’. O público poderá ver un collage de experiencias da man, a mirada e empatía dunha das personalidades máis transgresoras e mordaces dos últimos anos. Esta obra, que xa estivo programada na anterior edición da Mostra, tivera que ser suspendida por mor da Covid- 19.

Cartelera e merca as entradas da XL Mostra a través da lizazón https://www.mostrateatrocangas.gal/index.php/es/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *