A candidata moañesa Iria Charlín califica as propostas para a mocidade do PP en Galicia como “as mellores de España”
A candidata popular de Moaña, Iria Charlín, vén de presentar, acompañada dos demais candidatos xóvenes da lista de Pontevedra, as propostas para a mocidade do PP de Galicia para a vindeira lexislatura e calificounas como “as mellores de España”, posto que inclúen a gratuidade da
matrícula universitaria e do transporte público -que xa está vixente- e numerosas liñas de axudas para acceso á vivenda, deporte, emprego, emprendemento e lecer.
“A Xunta, con Alfonso Rueda ao fronte, demostrou todos estes anos a súa decidida aposta pola mocidade con numerosas políticas moi acaídas para o noso colectivo, pero ademais o Partido Popular segue implementando, mellorando, ampliando e innovando máis accións para converter ao Morrazo e a Galicia, sen dúbida, no mellor lugar de España para que os xóvenes desenvolvamos o noso proxecto de vida”, manifestou a número 21 da lista pola provincia de Pontevedra.
Iria Charlín detallou todas estas medidas e os seus beneficios para os mozos da comarca do Morrazo, sinalando que os 1.500 universitarios que adoita ter esta bisbarra vanse beneficiar desde o vindeiro curso, se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta o 18 de febreiro, da primeira matrícula de balde en todas as materias dos graos, o que supón unha achega de ata 1,1 millóns de euros anuais.
A tamén concelleira moañesa salientou outras vantaxes da política xuvenil da Xunta, como os 8.992 mozos do Morrazo que se benefician da gratuidade no transporte público grazas á Tarxeta Xente Nova, o que supón a cifra máis alta, en termos proporcionais, de todas as comarcas da provincia. En concreto, está a ser empregada na actualidade por 3.368 xóvenes de ata 21 anos de Cangas, 2.340 de Moaña, 2.340 de Marín e 944 de Bueu.
No eido da mobilidade, recalcou tamén que o PP, desde a Xunta, ofrece a posibilidade de colaborar económicamente cos mozos desempregados de ata 30 anos para a obtención do carné de conducir con axudas de 400 euros para o permiso de turismos e ata 1.300 no caso de camións. Dita subvención ten aberto o prazo de solicitude ata o 30 de setembro e conta cunha partida de 800.000 euros.
Así mesmo, Charlín lembrou as novas medidas en materia de vivenda, como as axudas para o alugueiro, que poden alcanzar ata o 60% da renda para persoas de ata 35 anos con ingresos de ata 25.200 euros, ou os avais para a compra dunha casa, cunha cifra máxima de 48.000 euros, que se estreou o pasado ano con 1,4 millóns de euros e que anunciou que vai ter unha nova convocatoria no presente 2024.
A candidata popular debullou as medidas do PP en materia laboral e de emprendemento xuvenil, entre as que figuran os Programas de Emprego para Persoas Mozas, que se están a despregar por 26 localidades do territorio, ou a Cota Autónomo Cero, que se vai estrear no presente ano coa asunción por parte da Xunta das cotizacións dos primeiros doce meses, “que é algo que beneficia enormemente aos moitos xóvenes do Morrazo que queren emprender, xa que outorga moita tranquilidade para iniciar un proxecto”, grazas a unha partida de 9,6 millóns de euros que beneficiará a unhas 10.000 persoas, moitas delas menores de 35 anos.
Ademais, as achegas para os autónomos poden alcanzar ata 8.600 euros anuais coas liñas abertas para sufragar os gastos de primeira actividade, “o que demostra que, grazas ao PP, Galicia é unha terra de oportunidades, que cada vez son máis amplas e que serven de trampolín a moitos mozos e mozas do Morrazo, ao tempo que favorecen o retorno de moitos emigrantes ou dos seus descendentes, tamén no rango de idade xuvenil”.