O conselleiro do Mar presentou a estratexia autonómica na antiga fábrica de salgadura da praia de Mourisca, en Bueu, onde destacou que se trata dunha ferramenta pioneira e dinamizadora das zonas costeiras
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abordou este mércores co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 (PCUMA) que propón un cento de medidas para preservar o patrimonio marítimo. Segundo expuxo Villares, trátase dunha folla de ruta que ten por obxectivo por en valor os recursos materiais e inmateriais do mundo do mar na comunidade, e no que os GALP son os aliados perfectos para promover os proxectos que contribúen a recuperar e salvagardar este legado.
O titular de Mar, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, indicou a este respecto, que o PCUMA é único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional que xurde froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral, e que está sustentado nunha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade, co fin de que non queda no esquecemento.
O responsable autonómico puxo en valor a estratexia autonómica nun escenario que simboliza de xeito singular os obxectivos da mesma como é a antiga fábrica de salgadura da praia de Mourisca, no concello pontevedrés de Bueu. Un espazo, que xunto con outros como o Museo Massó, conservan e divulgan unha parte moi valiosa da cultura marítima da comunidade e que agora se pretende ampliar e reforzar para poñela en valor á vez que sirve de instrumento dinamizador das economías costeiras.
100 medidas
O PCUMA recolle un cento de medidas a aplicar ata o ano 2030. Por iso, para iniciar ese camiño e que o traballo realizado empece a dar froitos tanxibles para a cidadanía, decidiuse contar co conxunto da sociedade e administracións competentes e, pola súa labor pegada ao terreo, especialmente cos GALP. O documento fai, deste xeito, unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria, destacando ao redor de 50.000 empregos directos que dependen dela, así como os múltiples oficios, tanto do pasado como agora, vinculados ao mar. Aos mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores ou bateeiros, engádense os operarios de conserva, afumadores, baleneiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros, torneiros ou redeiras, entre outros moitos.
O plan fai un repaso pola variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial existentes en Galicia. Entres as construcións están os estaleiros e carpintarías de ribeira, fábricas de conserva e de salgado, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e outros restos arqueolóxicos.
Nos bens mobles, están as artes de pesca, as ferramentas empregadas por distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense as festas, a tradición oral e o folclore, a través de adiviñanzas, cancións, contos, lendas ou léxico mariños, ademais da cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía, os museos ou os propios oficios do mar.
O documento analiza tamén as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras cuestións positivas, a existencia do abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sostibles, dun gran número de museos do mar e de oficios tradicionais que aínda persisten.