A presentación de +Vida Vilaboa permitiu aos asistentes percorrer unhas instalacións accesibles, cómodas, luminosas e adaptadas para dependentes
A inauguración do Centro Social e de Maiores de Vilaboa supón un importante paso adiante na calidade asistencial da poboación de maior idade do municipio polo que o goberno local quixo marcar o inicio desta nova etapa cun acto aberto á cidadanía no que expoñer con detalle o programa +Vida Vilaboa, que engloba actividades diferenciadas para persoas maiores autónomas e para dependentes.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, recordou brevemente o proceso e dificultpades para que a vella escola luza agora como un edificio adaptado, cheo de luz e vida e técnicamente equipado para atender as necesidades dun sector de poboación que demanda ser atendido sen sair do municipio.

A inminente posta en funcionamento destas instalacións avivou nas últimas semanas o interese de numerosas familias por coñecer en detalle un programa social que hoxe César Poza, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, e a traballadora social do Concello desgranaron con detalle e que pivota sobre dos eixos. Por unha parte as salas situadas na parte superior do edificio estarán adicadas ao envellecemento activo. Nesas impartiranse, de xeito inmediato, un obradoiro de memoria que arrancará cunha sesión á semana de 90 minutos de duración e un coste de 5 euros mensuais e clases de ximnasia de mantemento, con dúas sesións semanais de unha hora de duración e un prezo de 10 euros ao mes.
As salas da planta baixa do edificio quedan reservadas para a atención terapéutica, que estará coordinada por un equipo especializado e desenvolverá un programa de estimulación integral (cognitiva, funcional, física, motriz e emocional) para persoas con alzhéimer, demencia ou deterioro cognitivo. Estas sesións de terapia organizaranse en dous horarios, pola mañán de 10 a 13 horas ou de tarde de 16 a 19 horas. Os días de asistencia tamén se adaptarán ás necesidades de cada paciente cunha tarifa que irá desde os 80 aos 170 euros ao mes en función dos días de asistencia.
O Concello, en colaboración con Afamo Morrazo, ofrece tamén a posibilidade de transporte adaptado para favorecer a asistencia ás sesións terapéuticas.
Un proxecto integral para o benestar das persoas maiores
O Centro Social e de Maiores de Vilaboa nace como resposta ás necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida, ofrecendo un espazo moderno e adaptado onde as persoas maiores poderán acceder a múltiples servizos e actividades que favorezan o seu benestar físico, social e emocional xa que o Centro funcionará tamén como canalizador de iniciativas propostas pola veciñanza.
A iniciativa +Vida Vilaboa representa un compromiso firme do goberno local coa calidade de vida da cidadanía de maior idade, proporcionándolles un punto de encontro e apoio integral nun contorno cercano e familiar.
A adaptación do vello edificio nun centro de atención aos maiores era un dos principais compromisos que César Poza adquiriu coa cidadanía hai pouco máis de dous anos, polo que expresou a súa satisfacción por ver hoxe convertida en realidade unha proposta que non hai tanto parecía moi ambiciosa.