A nova infraestrutura permitirá recuperar un espazo degradado e ampliar a oferta deportiva municipal
O Concello de Vilaboa redactou o proxecto para a contrucción dunha pista de pádel panorámica e cuberta que permitirá recuperar un espazo actualmente deteriorado e infrautilizado situado nun lateral do pavillón municipal. A actuación presentarase ao III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, ao abeiro do cal se redactou o proxecto técnico.
A zona na que se intervirá funciona hoxe como aparcadoiro ocasional e presenta un acusado desgaste. A obra permitirá transformar este ámbito nun equipamento deportivo moderno, accesible e preparado para o uso continuado durante todo o ano. O proxecto contempla a preparación completa do terreo, a execución dunha solera de formigón e a instalación dunha pista de pádel de vinte por dez metros con peche de vidro temperado, estrutura metálica, iluminación e pavimento de céspede artificial. Inclúe tamén a construción dunha cuberta metálica de aceiro laminado, con perfís estruturais dimensionados para garantir estabilidade e durabilidade, así como a colocación de paneis curvados, canalóns, baixantes e elementos de reforzo.
A actuación abrangue ademais a mellora do entorno inmediato, coa adaptación das rasantes, a creación dunha beirarrúa de formigón e a reorganización das prazas de aparcamento. A instalación contará cun sistema automatizado de reservas, control de accesos e iluminación, co obxectivo de facilitar o uso da pista e optimizar o seu funcionamento.
O investimento total ascende a 213.299,41 euros, que inclúen o orzamento de execución material, o presuposto de execución por contrata e os honorarios de redacción, dirección de obra e coordinación en materia preventiva. O Concello encargou un estudio xeotécnico previo que recomendou o reforzo da cimentación, a adopción de medidas de drenaxe e o reforzo da cuberta, o que encarece a execución do proxecto mais garante o bo uso da futura instalación. O Concello destaca que esta infraestrutura permitirá ampliar a oferta deportiva municipal, responder á demanda crecente da veciñanza e reforzar a aposta por espazos públicos que fomenten hábitos saudables e a convivencia.
Coa posta en marcha desta actuación, Vilaboa continúa avanzando na mellora das súas instalacións deportivas e na recuperación de espazos públicos para o uso cidadán, consolidando un modelo de municipio activo e comprometido co benestar da súa veciñanza.

