O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego ‘Concello de Marín I’. Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas.
O alumnado dividiuse entre as especialidades de atención sociosanitaria en domicilios e institucións e pesca e agricultura. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.
Cabe destacar que este ano máis de 400 persoas desempregadas da provincia de Pontevedra tiveron a oportunidade de participar nun dos distintos obradoiros duais de emprego que se levaron a cabo.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para felicitar a todos os participantes e animalos a “seguir esforzándose para topar un posto de traballo nuns sectores que, ademais, teñen dificultades para topar a persoal cualificado”.
Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que algúns obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.