Case 8 millóns de euros. Esa é a contía que nos corresponderá a Marín no 2026 dos Orzamentos da Xunta. Unha satisfacción, xa que como entidades locais precisamos dese pulmón inversor da administración autonómica, que permite que a vila siga avanzando e articulando proxectos de moita envergadura en moitos ámbitos distintos.
Un deles, por exemplo, ten que ver co saneamento municipal de Mogor, para o que a Xunta recolle unha inversión de 3,3 millóns de euros e que nos renovar un colector antigo, o que supón unha mellora ambental importante e que se suma á que está realizando actualmente Augas de Galicia no colector do Río Lameira.
Outra das grandes inversións previstas e da que recollíamos a boa nova a pasada semana ten que ver co desenvolvemento do chan de Raposeiras, onde a Xunta creará 400 novas vivendas, das cales unha gran maioría serán para vivenda social. É unha necesidade moi importante que temos na vila (e en xeral en toda Galicia) e que cremos fundamental para que se execute canto antes.
En materia de Educación, a inversión estará destinada ao CEIP de Seixo, do que xa se redactou o proxecto, apostando desta forma pola rehabilitación dun centro na parroquia máis poboada que temos e que precisa dunha renovación para seguir ofrecendo unha educación de calidade aos nenos e nenas de Seixo do presente e tamén do futuro.
E o patrimonio seguirá sendo unha prioridade, coa terceira fase de restauración da nosa xoia, o Tempo Vello, que despois de actuar na súa cuberta e na limpeza das fachadas, agora poderá ver mellorado o seu interior.
Polo tanto, moi satisfeitos por unhas novas Contas autonómicas que priorizan temas que consideramos urxentes, como antes comentaba sobre a vivenda ou o saneamento, e que impulsa inversións que complementaremos coa nosa propia estratexia municipal.
María Ramallo, alcaldesa de Marín.