Presentación dos mapas.

O obxectivo é transmitir a configuración do Morrazo e do encanto dos seus areais, de aí que tamén se crease o cancelo #esteveranvivebueu

Identificar o que temos ao redor, a topografía do mar e da terra, e servir de mapa interactivo. Estes son os obxectivos que perseguen Daniela Alamparte, Ana Blanco e Marta Álvarez, arquitectas de profesión que forman a cooperativa Desniveis e que deseñaron uns mapas que ensamblan a arquitectura e a ilustración e que xa forman parte das praias de Bandeira Azul da vila bueuesa.

Estes mapas están dispoñibles nos accesos aos areais da Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon. Precisamente neste último estivo Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e turismo, presentando esta iniciativa que xermolou xa a comezos de ano, “cando coñecín o traballo destas tres mulleres, que teñen cadros con mapas das illas atlánticas e dos faros, e vimos que sería interesante contar con elas para que as nosas praias gozasen dunha nova imaxe, diferente e que chamase a atención pola súa novidade”.

Cada areal dispón dun mapa no que se sinala a ubicación exacta e se transmite a configuración do Morrazo para que as persoas poidan ver as praias e entender o que se ve de fronte. “Sempre hai discusións sobre o que hai enfronte, e nós quixemos axudar un pouco a esclarecer este tema”, apuntan as fundadoras de Desniveis, quen tamén crearon o cancelo #esteveranvivebueu, que se configura coma unha frase que identifica todas as praias cun nexo común. Polo tanto, e segundo destaca a concelleira, “o que pretendemos é achegar os encantos dos nosos areais e espazos tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitan ano tras ano”.

Segundo contan dende a súa web www.desniveis.com , “detrás de Desniveis estamos tres amigas das Rías Baixas, arquitectas de profesión e unidas por un obxectivo común, coa ilusión de colaborar xuntas nun proceso creativo que, tras seis anos de carreira, materializamos neste proxecto”, co que pretenden expresar a súa fascinación por Galicia e as súas paisaxes a través das coleccións que representan de diferentes formas os encontros do mar coa terra. Na súa web dispoñen de postais, ilustracións e mapas náuticos, que se inspiran en cartas náuticas e que ofrecen novas olladas.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí