“O Morrazo non se vende” e “De maio a setembro non temos teito” foron algunhas das consignas
Arredor dun milleiro de persoas da comarca acudiron á convocatoria da Plataforma de Afectadas polo Turismo do Morrazo hoxe en Cangas para denunciar o impacto da turistificación e berrar que “O Morrazo ten un límite”. A manifestación saiu da Casa da Cultura e rematou na Lonxa, onde un voceiro da Plataforma leu o
manifesto e o grupo de folc Mediarea fechou o acto.
No transcurso da manifestación berraronse consignas como “O Morrazo non se vende”, “De maio a setembro non temos teito”, “Aluguer de temporada: unha boa cacicada” ou “Estamos fartas de atascos nas estradas”. Ademais dos berros, bengalas e botes de fume estiveron presentes na protesta, así como a percusión achegada por integrantes de Ameaça de Bombo.
Un dos temas principais foi o impacto da turistificación no acceso á vivenda, presente en moitos dos lemas. A iniciativa da Batucada Feminista Somos Desas, varias manifestantes asistiron á manifestación con casiñas feitas de cartón.
Manifesto e acto final
No acto final na Lonxa de Cangas, unha persoa da Plataforma tomou o micrófono para dar lectura ao manifesto. “Cada tempada vacacional que superamos somos máis conscientes das consecuencias que isto supón para as nosas vidas: degradación do territorio, homoxeneización cultural, estrés e ansiedade, desaparición da vivenda anual e suba desproporcionada dos prezos, traballo precario e temporal, contaminación, atascos…”, expón o manifesto.
No manifesto enumeráronse varios dos efectos negativos da turistificación no territorio: “Atopámonos, pois, con vehículos aparcados en dunas, cadeas de propiedades privadas abertas pola forza para aparcar preto da praia, auto- caravanas en paseos peonís…”. Espúxose tamén o colapso que a rede de saneamento sofre no verao.