Completa a extensión da rede municipal cunha actuación na Cardiña valorada en 149.000 euros
Un investimento de 223.000 euros permite ao Concello de Vilaboa completar a rede de saneamento no lugar de Acuña, en Santa Cristina. A obra, que comezou xa a semana pasada, foi adxudicada á empresa Oresa Construccións e Servizos Globais que ten un prazo de tres meses e medio para
completar os traballos.
A obra ten certa complexidade técnica xa que ten que atravesar a N-554, ademáis dos cauces de tres regatos para adaptarse á orografía do terreo e esquivar e aproveitar, no posible, os desniveis naturais. A elección do trazado máis axeitado demorou o inicio dos traballos, que xa están en marcha e que permitirán ir completando a rede neste núcleo poboacional, no que 63 novas vivendas poderán conectarse á rede municipal de saneamento.
Esta actuación inclúe tamén o reasfaltado posterior das pistas polas que transcurre o trazado, con canalización de pluviais para garantir unha maior durabilidade do firme. “Estes traballos, que asume o Concello de Vilaboa en solitario con fondos propios, forman parte dun plan moi ambicioso que consiste en ir tecendo una rede de saneamento e abastecemento de auga a todos os núcleos do municipio”, un reto complexo tendo en conta a dispersidade xeográfica do municipio.
“Extender esa rede o máximo posible é a prioridade do goberno local. Dependemos dela para avanzar no desenvolvemento urbanístico e industrial que Vilaboa necesita e para conseguilo precisamos a Xunta impulse o novo modelo de xestión da captación de auga do Lérez do que se abastecerá Vilaboa”, explica César Poza.
Saneamento na Cardiña
De xeito paralelo aos traballos en Acuña, a semana pasada comezou a dotación de saneamento na Cardiña cun investimento de 149.197 euros e que levará este servizo a unhas 50 persoas residentes neste lugar de Cobres. A actuación abrangue a pista principal e dous ramais, que unha vez conectados á rede principal serán reasfaltados con canalización de pluviais.