O Samaín Briz segue colleitando éxitos con cada edición que pasa. Despois do día da festividade e con algo máis de perspectiva, o Concello quixo facer esta mañá un balance “tremendamente positivo do que xa é o evento máis importante na nosa vila no outono”, explicou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.
Unha edición na que a organización espacial da Finca e a enorme oferta de actividades reduciu considerablemente os tempos de espera das colas para as rutas, un dos principais atractivos da festa.
Desde o Concello, quixeron facer especial fincapé en como esta festa “só é posible e non fai máis ca mellorar grazas á increíble colaboración e implicación dos colectivos que a traballan conxuntamente con nós: a Fundación Juan XXIII, La Peña e Os da Caña. Para estes últimos queremos ter un especial cariño e mención porque tiveron unha moi mala nova familiar no propio día do evento e aínda así estiveron ao pé do canón”. Tamén este ano se sumaron os pontevedreses Cor Café e Val do Lérez.
Agora, será o momento de facer repaso das cousas que se poden mellorar e aquelas que, sendo unha novidade, funcionaron moi ben, como a idea do PequeSamaín, reservando unha área para os máis pequenos, para a que se valorará unha ubicación diferente, máis accesible.
Ademais, desde o momento no que se abriron as portas, notouse tamén “unha gran implicación da xente, que veu case na súa totalidade disfrazada, que participou das rutas, que consumiu nos postos das Anpas, asociacións e ONGs e que, en definitiva, está a facer o Samaín Briz seu”.