O Concello fará unha festa con animación infantil na fin de semana grande e organizará coas comparasas, batucadas e charangas obradoiros para os cativos.
As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Raquel López reuníronse esta mañá no Concello co Ateneo Santa Cecilia, Os da Caña e Pousos da Area para coordinar a celebración do Entroido dun xeito alternativo ao habitual, para poder conmemorar estas datas cumprindo coas medidas vixentes en materia sanitaria.
Tal e como explicaron as edís, “queremos contar en todo momento cos colectivos que forman parte da organización do noso Entroido, apoiando o seu labor incluso nun ano coma este, no que moitas das cousas que se levaban a cabo non se poden organizar do mesmo xeito ca outros anos”.
De xeito concreto, non haberá nin desfiles nin Enterro da Sardiña, pero o Concello si organizará unha festa infantil con animación a fin de semana grande do Entroido. O obxectivo é poder facelo na Alameda, igual ca o resto de actividades, aínda que coa posibilidade aberta de trasladalas ao Multiusos se a climatoloxía o esixe.
Para a organización desta festa, “contrataremos ás comparsas, batucadas e
charangas de Marín, para que se encarguen de realizar unha animación acorde á época de Carnaval”. Pero non só iso, tamén se contará con elas para a decoración das rúas e prazas e para a organización de obradoiros para os cativos.
“Con todo isto”, explican desde o Concello, “buscamos manter vivo o espírito do Entroido, pero ademais poder dinamizar Marín durante eses días para que poida repercutir de xeito positivo no comercio e na hostalaría local”.
Por outra banda, Amigos dos Rapaces estudará adaptar a súa festa infantil, por se é posible realizala, pero xa confirma ao cen por cen a suspensión da Festa do Merengue, xa que pola súa propia natureza veríase comprometida a seguridade e o uso da mascarilla.
Ademais, o Ateneo Santa Cecilia organizará unha exposición na zona acristalada do Multiusos “e ofrecímoslle a posibilidade de que fagan o Concurso de orellas e filloas o martes no Multiusos”. No que respecta ao Enterro, aínda que non se fará, si se decorarán as rúas con lonas nas que se verán imaxes doutros anos, coma sempre, e a maiores o Palco de Música engalanarase para o Mércores de Cinza co velorio.
Finalmente, o domingo día 6 celebrarase a festa do Bolo do Pote e o Museo Torres
terá unha exposició durante todos ese días sobre Entroido tradicional galego.