O alcalde, César Poza, e a concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, agasallaron á centenaria e formaron parte da sorpresa organizada pola familia
O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Servizos Sociais, María Canosa, sumáronse á emotiva sorpresa que a familia preparou para Josefina Amoedo Fernández con motivo da celebración do seu centenario. Esta muller que este ano cumpriu o século de vida viviu unha xornada que non esquecerá
facilmente.
Cando o reloxo marcaba o mediodía, unha fermosa carroza tirada por cabalos achegouse ao fogar onde reside Josefina en Acuña. A emoción foi evidente cando esta muller centenaria, que goza dunha saúde excelente, subiu con axuda á calesa para percorrer os camiños da contorna nun paseo que se converteu nunha experiencia moi especial; unha sorpresa argallada polo seu sobriño Javier e na que participaron moitos membros da familia e amigos da centenaria.

O alcalde quixo honrar a Josefina cun xesto que mostra o agarimo que inspira a súa traxectoria. Agasallouna cun pin de Ouro co escudo do Concello, unha réplica do hórreo da reitoral de Vilaboa e unha placa do Entroido de Cobres: tres elementos que identifican a Vilaboa e cos que César Poza quixo transmitir o respecto institucional que desperta a súa vida.
Foi un momento emotivo que completou a felicitación que María Canosa xa lle trasladara o 11 de agosto, día da celebración, no que a obsequiou cun ramo de flores que lle achegou ao seu fogar.
Hai un século Josefina Amoedo nacía en Vilaboa e o destino quixo que neste mesmo ano ela pudese abrazar ao seu primeiro tataraneto, a última incorporación á familia que formou xunto a José manuel Salgado Acuña e da que naceu o seu único fillo, Ricardo Salgado Amoedo.
En 1953, a familia decidiu emigrar a Uruguai, onde traballaron durante anos como porteiros dun edificio en Montevdeo. Alí, o seu fillo Ricardo casou con Nora, de nacionalidade uruguaia.En 1970, a familia retornou a Galicia, onde Josefina continuou a súa vida laboral no campo, no mar e na depuradora, demostrando a fortaleza e a capacidade de adaptación que a caracterizaron ao longo da súa vida. A día de hoxe, Josefina ten tres netos: Nancy,Ricardo e Susana e seis bisnetos que compartiron con ela as emocións dos diferentes actos coas que a familia quixo celebrar este aniversario
A celebración do centenario de Josefina Amoedo Fernández constitúe un momento de especial relevancia para o Concello de Vilaboa, que se honra en contar entre a súa veciñanza con persoas que son testemuña viva da historia local. Coa súa traxectoria vital, Josefina enriquece o patrimonio humano máis valioso da comunidade: a súa xente.
O centenario de Josefina recordanos que a verdadeira riqueza dunha terra non se mide só en monumentos, senón tamén nas historias e na sabedoría dos que a habitan e que, coma ela, déronlle vida ao longo dos anos.