Un home circulaba co seu coche pola PO-551 que une Marín con Bueu cando percibiu un cheiro para queimado que lle fixo coller o desvío cara ao centro cultural de Ardán, na zona de Vilaseca. Alí estacionou e ao baixar e abrir o capó do coche o lume expandiuse afectando a outros dous vehículos aparcados á beira. Segundo os Bombeiros do Morrazo, había risco de que as lapas se propagasen tamén a un alpendre dunha vivenda privada no que había palla e animais. O primeiro foi eliminar este perigo e, unha vez conseguido, extinguir o lume dos coches, un deles cunha bombona de butano no interior que puido ser rescatada a tempo e retirada do lugar.