Este documento rexerá as condicións urbanísticas que aplicarán nestas zonas e que requiren dun tratamento especial para a súa conservación
A licitación para a elaboración do Plan Especial de Protección para o casco antigo e para Cantodarea, dúas zonas da nosa vila que, polas súas particularidades, requiren dun especial tratamento a nivel urbanístico para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio, péchase coa presentación de ofertas de tres empresas.
A necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas recóllese no PXOM co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas, xa que, ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
O prazo de redacción do plan é de aproximadamente entre 3 e 4 anos, xa que se vai realizando un plantexamento parcela a parcela, e estímase unha inversión necesaria de 200.000 euros para realizar este labor.
O obxectivo final é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero s perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea.