O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, mantivo esta fin de semana unha xuntanza cos representantes do partido nos concellos do Morrazo e da comarca pontevedresa co fin de interesarse polas demandas e necesidades dos seus veciños de cara a seguir traballando por ofrecerlles un futuro próspero e no marco da estabilidade que caracteriza a Galicia.
A reunión celebrouse na sede do PP de Bueu e nela participaron a voceira local, Elena Estévez, e os voceiros de Moaña, Javier Carro, e de Cangas, Enrique Sotelo, así como a alcaldesa de Marín, María Ramallo; que agradeceron ao presidente os investimentos recollidos nos Orzamentos de 2024 para os seus concellos en materia de saneamento, mobilidade, deporte ou sanidade.
Neste sentido cómpre destacar os futuros investimentos, por un total de 11.4 millóns de euros nos catro concellos, para a mellora da nave de redes (196.625 €) e na conservación do Museo Massó (276.632 €) en Bueu; a remodelación da lonxa (476.740 €) e a ampliación da nave de deportes náuticos de Aldán (242.000 €) en Cangas; as melloras do saneamento de Mogor e do río Lameira (que suman un investimento superior ao millón de euros) en Marín; ou a posta en funcionamento dun aparcamento disuasorio na PO-551 (160.000 €) e a obra do novo centro de saúde de Moaña por valor de 3,8 millóns de euros.
Alfonso Rueda quixo poñer en valor que, fronte ao incerto e complicado contexto nacional, a nosa Comunidade sigue a ser unha illa de estabilidade. Algo que axudará, dixo, a que os obxectivos que se marquen estes concellos e o resto de concellos galegos poidan saír adiante.
Pola súa banda, os asistentes á reunión lle trasladaron a súa confianza a Alfonso Rueda de que, cando chegue o momento, a comarca do Morrazo será clave na consecución da súa primeira maioría absoluta.