A rexedora foi a pé de obra para falar con todas as partes implicadas nesta fase dos traballos, que van avanzando a bo ritmo. Esta semana está previsto aprobar os pregos para licitar un mellor equipamento escénico e técnico
O Auditorio de Marín vai acariciando cada vez máis a súa finalización. Namentres avanza a propia construción, paralelamente desde o Concello están a coordinarse outras actuacións esenciais para o correcto funcionamento da nova infraestrutura cultural. Nestes momentos, está en proceso de adxudicación definitiva a dotación da liña de subministro eléctrico que dotará deste servizo ao inmoble e que implica, pola parcela na que se ubica o Auditorio, tanto ao Concello como ao Porto de Marín, e no que respecta á execución, á empresa da propia construción como á que se encargará de habilitar a conexión.
Por iso, a alcaldesa, María Ramallo, mantivo unha reunión con todas as partes implicadas a pé de obra, para coordinar o inicio dos traballos e a súa imbricación coa obra xeral. Por outro lado, Ramallo adiantou que xa se están a rematar os pregos para licitar o equipamento escénico que se financiará con cargo ao convenio coa Xunta de Galicia, valorado en 250.000 euros, e que suporá unha mellora sustancial a nivel técnico, “para poder albergar espectáculos de maior envergadura e superar os requisitos que se esixen de cara a formar parte da Rede Galega de Auditorios da Agadic, algo fundamental para acceder con cofinanciación a programacións punteiras da escea autonómica”.
Finalmente, tamén se está a traballar na coordinación coa empresa que se encarga da creación da Oficina Virtual de Turismo, unha actuación financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística e que permitirá contar no hall do Auditorio cunha serie de elementos tecnolóxicos que cambiarán a forma de percibir o noso municipio para os que nos visitan. Unha pantalla de grandes dimensións, varios totems explicativos e tres monitores interactivos servirán para expoñer todo o material turístico que se está elaborando sobre Marín, ao que se accederá de moitas formas: con paseos virutais, realidade aumentada, modelos 360 graos…