A alcaldesa de Marín, María Ramallo, realizou esta mañá unha visita instituciona á Escola Naval Militar para reunirse co comandante director Pedro Cardona Suanzes, co fin de marcar o inicio do novo mandato municipal e poder así repasar e retomar as actividades e actos que frecuentemente implican a ambas institucións.
O máis cercano e quizáis un dos máis emblemáticos é a xura polo Día do Carme, que este ano terá algunha particularidade distinta á dos anos anteriores xa que o centro castrense está levando a cabo unha serie de obras de mellora en pantaláns, na explanada principal e nos edificios.
“Sabemos que é un día importante tanto para a Escola como para Marín. Entendemos que a ENM é o noso centro universitario por excelencia, un Campus que a moitos outros lugares lles gustaría poder desfrutar e o Día do Carme é como unha graduación daqueles que inician unha nova etapa como oficiais”, explicou a alcaldesa.
A unión entre a ENM e o Concello tamén é plausible nalgunhas das obras de rexeneración urbana que se van levar a cabo nos lindes entre o municipio e a institución militar, como por exemplo a humanización da Rúa do Forte, financiada en parte cos fondos do Plan de Sostibilidade Turística, a través do cal o Concello recibirá 2 millóns de euros.
Unha Escola Naval máis aberta para o coñecemento da veciñanza
Ademais, durante a súa reunión, Ramallo e Cardona estudaron a posibilidade de aumentar a frecuencia das visitas guiadas que se realizan na Escola, dun xeito similar á xornada de portas abertas que se organiza coa chegada do Buque Juan Sebastián Elcano, que nesta ocasión arribará o día 12 de xullo.
“Cremos que pode ser interesante, sobre todo durante o verán, poder organizar dalgún xeito a posibilidade de que haxa visitas guiadas dentro da Escola para que tanto os nosos veciños e veciñas como as persoas que nos visitan poidan coñecer un pouco máis de cerca a historia e a realidade deste centro, que moitas veces é descoñecido e que alberga grandes anécdotas do pasado pero tamén interesantes datos do presente como espazo formador que é”, explicou Ramallo.