A alcaldesa, María Ramallo, e o edil de Medio Rural Pablo Novas mantiveron esta semana unha xuntanza con representantes da Plataforma de Veciños de Macenlle, para tratar o estado do proxecto de dotación de saneamento e abastecemento á zona de Vistalegre-Coirados, que son os núcleos que non teñen estes servizos.
O compromiso no seu día foi encargar a redacción do proxecto para dotar á zona de ambos servizos, beneficiando a 20 vivendas que se atopan na beira dereita. O proxecto está contratado á empresa de enxeñaría Idom, que xa o teñen moi avanzado. Tal e como explicaron a alcaldesa e o concelleiro, mantivéronse reunións cos organismos que deben dar as autorizacións pertinentes, como a AXI da Xunta de Galicia, que informarán favorablemente ao mesmo. Polo tanto, espérase ter o proxecto presentado e rematado en torno a dentro de dous meses, para despois ser informado polos departamentos correspondentes. Isto permitirá aprobalo definitivamente para poder buscar financiación para a súa execución. «Para nós, no que respecta ao saneamento no rural, este proxecto, xunto co de Cadrelo-Cadro, son os máis prioritarios», explican.
A alcaldesa tamén expuxo que agora se están executando as obras de saneamento do Río Lameira, pero «en canto esa obra remate, priorizaremos buscar a financiación precisa para este proxecto, mentres que seguimos traballando e dando estes pasos que son esenciais na súa tramitación»